Skip to main content

O catedrático José Manuel Sabucedo incorpórase á Academia de Psicoloxía de España

O profesor Sabucedo foi o primeiro decano da Facultade de Psicoloxía da USC. Foto: Santi Alvite
O profesor Sabucedo foi o primeiro decano da Facultade de Psicoloxía da USC. Foto: Santi Alvite
Quen fora o primeiro decano da Facultade compostelá ocupará como académico de número a medalla 43, vacante dende a súa creación

O catedrático de Psicoloxía Social da USC José Manuel Sabucedo Cameselle vén de ser elixido membro de número da Academia de Psicoloxía de España. Ocupará a medalla 43, vacante dende a súa creación en 2015, dos 50 académicos numerarios de que consta a institución.

O profesor Sabucedo conta cunha extensa e recoñecida carreira profesional no ámbito da psicoloxía social e concretamente na Psicoloxía da Política e na análise da percepción, participación social e compromiso ambiental.

Director de 25 teses de doutoramento, 5 delas con mención internacional e outra tantas con premio extraordinario, liderou ou participou nunha vintena de proxectos de investigación internacionais, estatais e autonómicos así como en nove contratos de investigación con empresas e institucións. É autor, editor e coeditor de 19 libros e doutros 25 capítulos de libro ademais de ter publicados 117 artigos. Realizou estadías de investigación nas Universidades de Loughborough (reino Unido) e Free University de Amsterdam.

Sabucedo, que é ademais investigador do Cretus da USC,  foi promotor e primeiro decano da Facultade compostelá e foi tamén promotor e primeiro presidente da Sociedade Científica Española de Psicoloxía Social da que hoxe é presidente de honra. Ocupou entre 2010 e 2017 o cargo de editor do International Journal of Social Psycholoy.

A súa traxectoria profesional foi recoñecida coa Medalla de ouro da Facultade de Psicoloxía da USC en 2002, co Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social en 2006 dos Premios Galicia de Investigación que outorga a Xunta de Galicia, coa Medalla Domingo García-Sabell Rivas de Investigación en Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega de Ciencias en 2020 e moi recentemente co Premio Ibérico de Psicoloxía concedido polo Consello Xeral da Psicoloxía de España e a Orde dos psicólogos portugueses.
 

The contents of this page were updated on 10.14.2024.