Skip to main content

Unha tese da USC salienta a educación ambiental como base para mellorar a prevención e diminuír riscos de incendios en Portugal

María da Conceiçao Almeida Colaço
María da Conceiçao Almeida Colaço
A investigación de doutoramento da lusa Almeida Colaço, dirixida por Pablo Ángel Meira e Manuel Cardoso, defende amplos roles sociais para os técnicos forestais

A educación ambiental e a sensibilización social antóllanse como ferramentas acaídas para diminuír os riscos de incendios forestais en Portugal, segundo se constata na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Ciencias da Educación María da Conceiçâo Almeida Colaço baixo o título 'Bases para unha educación ambiental orientada cara a diminución do risco e o aumento da resilencia das comunidades aos incendios forestais en Portugal'.

Esta investigación de doutoramento, dirixida polo profesor de Educación Ambiental na USC Pablo Ángel Meira Cartea e por Manuel Cardoso Castro Rego, docente da Universidade de Lisboa, e que e encadra dentro da produción científica desenvolvida polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (Sepa) da USC, pon de manifesto a necesidade de acadar un maior equilibrio entre as tarefas de prevención e as tarefas de loita ou extinción de lumes forestais, pero non só en termos de inversión ou financiamento, senón tamén en aspectos máis ligados á educación ambiental, sensibilización e visibilidade social e valoración ou estratexia política.

Logo dunha diagnose inicial da situación forestal en Portugal, na que Almeida Colaço sinala os lumes forestais como a principal ameaza para o desenvolvemento, rendibilidade e sustentabilidade das superficies forestais lusas, ao tempo que atribúe a este risco permanente a elección de especies de ciclo curto como o eucalipto, esta investigadora defende na súa tese de doutoramento unha maior aposta pola prevención para minimizar a pegada dos lumes, así como as perdas económicas e os dano ambiental que producen.

A orixe intencionada de boa parte dos incendios, ben por “accións criminais” o por “uso neglixente do lume” é outro dos aspectos que salienta esta investigadora como argumento que xustifica a utilidade dunha mellor a educación ambiental da sociedade como mecanismo de prevención. Neste senso e logo de estudar o comportamento e a diferente percepción de risco sobre os incendios forestais de grupos de poboación vítimas de lumes, Almeida Colaço defende a necesidade de potenciar as accións educativas orientadas a este fin, pero tamén orientar este tipo de iniciativas cara outros grupos de poboación de áreas rurais. A implicación dos técnicos forestais como mediadores entre as situacións de risco por incendios, a xestión técnica forestal e a sensibilización da sociedade lusa.

Tribunal da tese

O catedrático da USC José A. Caride presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por María da Conceiçao Almeida Colaço, un xurado do que tamén formaron parte o profesor e enxeñeiro forestal da Universidade de Tras Os Montes e Alto Douro Herminio Botelho e o profesor de Ecoloxía da Universidade Autónoma de Madrid Javier Benayas.

Almeida Colaço, entre Pablo Meira (esquerda) e Manuel Cardoso

The contents of this page were updated on 06.23.2017.