Skip to main content

Encontros de Lúa Chea, Microaberto e a conversa coa fotoxornalista Anna Turbau, novas propostas de Lugo Cultural

Imaxe captada pola fotoxornalista catalana Anna Turbau
Imaxe captada pola fotoxornalista catalana Anna Turbau
A programación da Área de Cultura da USC no Campus de Lugo contará tamén con proxeccións cinematográficas na Casa do Saber os días 16, 23 e 30 de outubro
Lugo

A Intelixencia Artificial e os seus retos de futuro é a temática central da vindeira sesión dos ‘Encontros de Lúa Chea’ que terá lugar este mércores 16, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo. Este programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación do Outono Cultural, contará nesta ocasión coas intervencións de Roberto Iglesias Rodríguez, coordinador do grao de Robótica no Campus de Lugo e profesor do departamento de Electrónica e Computación da USC, e Juan Antonio Corrales Ramón, tamén profesor do grao de Robótica no Campus de Lugo e docente do departamento de Electrónica e Computación da USC. O encontro coordinado pola Comisión de Normalización Lingüística da EPSE, enmárcase na programación desenvolvida ao abeiro do convenio Lugo cultural, froito da colaboración entre a Área de Cultura da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo. A sesión estará moderada por Xosé Ramón Fernández Vidal. 

Os Encontros de Lúa Chea continuarán no mes de novembro cando, o xoves 21, tamén ás 19.00 horas, se debata arredor das infraestruturas na provincia de Lugo. Nesta ocasión, falarán David Cota Mascuñana, profesor da área de Enxeñaría e infraestruturas dos transportes e do grao de Enxeñaría civil da USC, e Pedro Blanco Valcárcel, graduado en Enxeñaría civil e doutorando no departamento de Matemática aplicada da USC. 

Anna Turbau e Microaberto

Anna Turbau relatará a súa experiencia como fotoxornalista nun encontro que terá lugar o vindeiro 26 de outubro, ás 16.30 horas, na Sala de Prensa do Pazo de Montenegro. Para participar nesta charla moderada por Adra Pallón será preciso inscribirse nun formulario electrónico ata o 24 de outubro. A actividade enmárcase dentro das actividades do Espazo de Fotografía da USC no Campus de Lugo.

Finalmente, a primeira sesión de Microaberto deste curso terá lugar o 28 de outubro, ás 20.00 horas, na cafetaría da Facultade de Administración e Dirección de Empresas coa intervención da artista convidada Laura LaMontagne. As persoas interesadas en intervir cun monólogo, poema, canción ou outro tipo de texto, poderán solicitalo ata o día 23 de outubro inscribíndose nun formulario en liña e enviar as propostas a cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal)

Cine

Ademais, a Casa do Saber acollerá ás 19.30 horas dos días 16, 23 e 30 de outubro unha proxección cinematográfica. A primeira será The river de Jean Renoir, o día 16; á que seguirán Du Côté de la côte (1958) e La Pointe Courte (1955) de Agnès Varda, o día 23; e Carmiña flor de Galicia, de Rino Lupo, o día 30. A entrada é de balde para a comunidade universitaria e as persoas socias do Club Cultural Valle-Inclán, promotor destas ‘Sesións de Filmoteca’, en colaboración coa Filmoteca de Galicia. 

The contents of this page were updated on 10.15.2024.