Nova edición do Camiño ao Gaiás, agora tamén con rutas nocturnas
Un verán máis, a Fundación USC Deportiva e a Cidade da Cultura organizan conxuntamente o programa de sendeirismo ‘ Camiño ao Gaiás’. Nesta ocasión, ás camiñadas habituais das tardes dende o casco antigo á Cidade da Cultura incorpóranse novos percorridos pola noite que farán a ruta contraria. A actividade está pensada para calquera persoa interesada, aínda que non se recomenda para menores de 10 anos.
Percorridos
As rutas diúrnas terán lugar os días 13 e 27 de xullo; 3, 17 e 31 de agosto, e 7 e 14 de setembro. O percorrido, que comeza ás 19.00 horas e dura aproximadamente hora e media, partirá da Oficina de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, para seguir pola rúa Nova, Caldereiría e a Facultade de Xeografía e Historia. Collendo a rúa das Ameas chegarase ao Mercado de Abastos para logo baixar á rúa da Virxe da Cerca. De aí ao parque de Belvís pola Rúa das Trompas ata coller a rúa do Olvido e a de Sar. Dende a Colexiata de Sar, remontando o curso do río polo paseo fluvial, chégase ao Multiusos para entrar no Bosque de Galicia, cruzalo e ir ata o parque do Lago. A actividade remata na Praza Central da Cidade da Cultura.
Pola súa banda, a ruta nocturna, de menos de unha hora de duración, comeza ás 22.30 horas no Espazo On da Cidade da Cultura de Galicia para baixar polo Bosque de Galicia ata a avenida Diego Bernal. Logo, dende a rúa da Ponte de Sar chegarase á Colexiata e continuarase por Castrón Douro ata rematar na Praza de Galicia. Este percorrido haberao os días 6 e 20 de xullo e 10 e 25 de agosto.