Skip to main content

O CITMAga analiza as consecuencias da pandemia da covid nun estudo internacional

Imaxe de arquivo de estudantes na USC durante a pandemia da covid. Foto: santi Alvite
Imaxe de arquivo de estudantes na USC durante a pandemia da covid. Foto: santi Alvite
Entre as universidades que participan na investigación atópanse Hardvard, Stanford, o MIT, Cambridge e Oxford

Coa fin de extraer consecuencias da epidemia global da covid e afrontar retos futuros, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) participa nun proxecto de investigación no que colabora con persoal investigador de destacadas universidades como Harvard, Stanford, o MIT, Cambridge ou Oxford.

O estudo, coordinado desde Galicia polo profesor da USC e investigador do CITMaga Juan José Nieto Roig, pretende dispor de ferramentas para facer fronte a futuras epidemias. Baixo o título ‘Desafíos globais despois dun desafío global: Leccións aprendidas da pandemia de COVID-19’ analízase a influencia da pandemia a través de enfoques interdisciplinares.

“A pandemia está determinada por axentes médicos, sociais e económicos, por iso debemos combater o virus ou futuras catástrofes mediante un enfoque interdisciplinar”, explica Nieto Roig, que engade: “queremos compartir colectivamente os nosos puntos de vista sobre a pegada da pandemia e debater os retos aos que se enfronta a comunidade internacional”.

A enfermidade por coronavirus non só afectou vidas individuais, senón tamén ao mundo e aos sistemas globais, tanto naturais como artificiais. “Ademais dos millóns de mortes e problemas ambientais, a rápida propagación da infección e o seu elevado impacto socioeconómico afectaron a atención sanitaria, a situación económica e a riqueza, e a saúde mental das persoas de todo o planeta”, sinala o investigador.

Un enfoque interdisciplinar, clave para combater futuras epidemias
O estudo presenta solución ante futuras epidemias, por exemplo, mediante o desenvolvemento de modelos matemáticos preditivos e o uso de intelixencia artificial que permitan determinar a súa evolución e detectar novos virus. “Ao inicio da pandemia da covid non tiñamos datos, pero cos poucos que había puidemos explorar a súa evolución e crear unha simulación epidemiolóxica para alertar da previsión do pico da pandemia e anticiparnos a ela”, sinala.

Outro dos obxectivos é a actualización e o desenvolvemento de vacinas de próxima xeración que proporcionen unha protección duradeira ao paciente coa fin de superar as variantes do virus, neste caso do covid-19, e minimizar os efectos secundarios. Ao tempo, o estudo analiza a influencia da covid-19 noutras enfermidades, como o ictus, patoloxías cardiovasculares, o cancro ou o alzhéimer, e a súa relación coa alimentación e a obesidade.

Frear a desinformación e os bulos
Ademais, durante a pandemia, as redes sociais se empregaron como plataforma para difundir teorías conspirativas sobre a orixe e as consecuencias da covid-19. Precisamente, un dos aspectos analizados neste estudo foi a desinformación e os bulos que foron publicados, moitos relacionados coa fiabilidade das vacinas. “A percepción errada da seguridade e eficacia das vacinas asociouse cunha comunicación e difusión erradas ou inexactas, a miúdo politizadas”, explica Nieto Roig.

Como solución, o persoal investigador apuntan a un enfoque multidisciplinar no que a educación chegue a todos os niveis sociais para combater a desinformación. “Necesítase mellorar a forma de comunicar información sanitaria co obxecto de previr información errónea; a ciencia precisa ter voz propia para garantir que as minorías non se apoderen do diálogo público”, sinala.

O proxecto
O proxecto de investigación enmárcase dentro da Universal Scientific Education and Research Network, unha rede mundial de educación e investigación que ten como conselleiros máis dunha ducia de Premios Nobel en todas as áreas, entre os que figura o profesor da USC e coordinador en Galicia deste estudio, Juan J. Nieto Roig como membro do Consello Consultivo.

Juan J. Nieto Roig tamén é membro do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e líder do grupo de investigación Ecuacións Diferenciais Non Lineais da USC, composto na actualidade por vinte membros, e no que que colaboran persoas doutras universidades galegas, españolas e internacionais.
 

The contents of this page were updated on 10.16.2024.