Skip to main content

Investigadores da USC e da UVigo elaboran un mapa conceptual dos contidos en primeiros auxilios que deben ensinarse ao longo da educación obrigatoria

Ao chegar ao bacharelato agárdase que o alumnado teña unha análise de riscos máis aló da contorna escolar. Foto: Santi Alvite
Ao chegar ao bacharelato agárdase que o alumnado teña unha análise de riscos máis aló da contorna escolar. Foto: Santi Alvite
Nun traballo publicado na Revista Española de Salud Pública sinalan tamén a falta de concreción nos decretos que definen o desenvolvemento curricular

Nos últimos anos tense producido un avance notable dos contidos en materia de primeiros auxilios no desenvolvemento curricular educativo, pero sería necesario máis concreción nos diferentes cursos académicos e máis precisión na redacción da lexislación educativa. Esta é unha das conclusións extraídas por persoal investigador das universidades de Santiago e Vigo nun estudo no que analizan os reais decretos que desenvolven curricularmente a LOMLOE, co propósito de ofrecer ao profesorado e a profesionais sanitarios vinculados ao ámbito educativo “unha guía práctica” coa que identificar como e cando ensinar os diferentes procedementos, técnicas e protocolos.

O artigo -publicado na Revista Española de Salud Pública- mostra un mapa conceptual dos contidos de primeiros auxilios que hai que ensinar en toda a educación obrigatoria e en que curso, “co cal pode ser unha guía de moita utilidade para o profesorado”, apunta o coordinador do grupo de investigación Remoss da UVigo, Roberto Barcala, autor principal dun traballo que achega tamén recomendacións sobre como abordar “ese proceso de ensinanza dos primeiros auxilios”.

Barcala asina este traballo xunto cos investigadores da USC Lucía Peixoto e Santiago Martínez Isasi e o profesor de secundaria Julio Zafaño. Tal e como sinalan no artigo, “o ensino dos primeiros auxilios a escolares e mozos é unha estratexia prioritaria en saúde pública”, pero era tamén unha cuestión “pouco definida curricularmente”. Nese senso, a aprobación da LOMLOE e os posteriores decretos que desenvolven os currículos das diferentes etapas educativas supoñen “unha ampliación dos contidos en primeiros auxilios que hai que ensinar, principalmente dentro da área de educación física”. Mais a análise que este grupo de expertos realiza de todas as referencias aos primeiros auxilios ou á prevención de accidentes que figuran nestes decretos amosa tamén que estes “son moi ambiguos sobre que contidos” deben ensinarse en cada curso, “especialmente nos primeiros anos escolares”.

Nese senso, o propósito do traballo ‘Desafíos en la enseñanza escolar de los primeros auxilios: análises de la legislación educativa (LOMLOE) y orientación curicular’, apuntan, foi definir “unha táboa de competencias e saberes básicos, desagregados por niveis e etapas”. Como exemplo, explican que ao finalizar a educación obrigatoria, o alumnado debería saber identificar unha parada cardíaca, alertar os servizos de emerxencias, iniciar as manobras de reanimación, usar un desfibrilador e saber actuar cando unha persoa se atragoa.

De primaria ao bacharelato 
O novo marco normativo sitúa no segundo ciclo primaria os primeiros contidos sobre esta temática, centrados na “prevención de accidentes e a aprendizaxe de actuacións básicas”, mentres que no último ciclo a formación debería orientarse xa “a que o alumnado sexa capaz de participar activamente”. Co inicio da ESO prodúcese un “incremento substancial” nos contidos relacionados cos primeiros auxilios. Nesta etapa, apuntan, alúdese por primeira vez á formación en reanimación cardiopulmonar (RCP), así como o uso de desfribriladores e a saber como actuar ante a obstrución de vías aéreas tras un atragoamento.

Finalmente, no bacharelato agárdase “que o alumnado teña unha análise de riscos máis aló da contorna escolar”, á vez que se pon o foco na prevención de lesións e incidentes tanto no medio terrestre como no acuático. Os expertos inciden de feito na importancia deste último punto, posto que o afogamento sitúase “entre as tres primeiras causas de morte non intencional” na infancia e adolescencia. Así mesmo, outra novidade destacada é “o coñecemento dos protocolos de alerta escolar”.

Nese senso, Barcala recoñece un avance no referido aos contidos nos que deben formarse as e os escolares, que “deberán saber identificar unha emerxencia, describir o que está pasando, coñecer principios básicos de primeiros auxilios, como a RCP e a manobra de Heimlich, e, xa en cursos avanzados, incluso recoñecer os signos dun ictus”. Mais, ao mesmo tempo, trátase dun conxunto de normativas que “deberían ser máis concretas”, posto que a normativa “deixa no aire algúns contidos fundamentais, como a ensinanza da RCP, que non aparece explicitamente ata primeiro da ESO”, cando, lembra, investigacións previas constataron que o alumnado dos últimos cursos de primaria ten xa capacidade para realizar estas manobras.

The contents of this page were updated on 10.17.2024.