Skip to main content

A USC é a segunda universidade do Estado con máis voluntariado, un 18% máis que o curso anterior

O curso pasado 3.158 estudantes da USC participaron en actividades de voluntariado. FOTO: Santi Alvite
O curso pasado 3.158 estudantes da USC participaron en actividades de voluntariado. FOTO: Santi Alvite
No curso 2023/24 mobilizáronse 3.158 estudantes en 239 iniciativas que inclúen axuda a menores e a persoas en risco de exclusión social ou con diversidade funcional

A participación de estudantes da Universidade de Santiago en actividades de voluntariado aumentou durante o pasado curso, situando a institución como a segunda do Estado con máis estudantes que participan en actividades de voluntariado. No pasado curso académico 2023/24, un total de 3.158 estudantes implicáronse nalgunha actividade de voluntariado a través da Universidade, un 18% máis que o ano anterior.

Con respecto do curso anterior, permanece sen cambios o número de accións solidarias nas que participa directa ou indirectamente a Universidade, con 239 proxectos, dos que un 95% son realizados en cooperación con entidades sen ánimo de lucro.  Os programas orientados ao apoio de menores vulnerables, á poboación en risco de exclusión social e aos colectivos con diversidade funcional son os máis frecuentes, realizándose na súa totalidade a nivel provincial ou autonómico.

Estas son algunhas das conclusións extraídas do XII Estudo sobre Voluntariado Universitario, elaborado pola Fundación Mutua Madrileña, con motivo dos XII Premios ao Voluntariado Universitario. O informe, no que participaron 41 universidades públicas e privadas (44% do total), e 84 entidades sen ánimo de lucro, radiografía o compromiso destas institucións en materia de voluntariado.

Máis espazo
O voluntariado gaña relevancia tanto na USC como no conxunto de universidades españolas, segundo o informe: durante o pasado curso 2023/24, o número de iniciativas nas que participaron de forma directa ou indirecta as universidades españolas experimentou un incremento dun 37%, ata alcanzar os case 2.900 proxectos, dos que o 16,5% son iniciativas novas. A Universidade de Salamanca, con 539 actividades, lidera a clasificación de universidades con número de proxectos de voluntariado.

Cada vez máis mozas e mozos elixen participar en actividades de voluntariado como unha forma de contribuír ao benestar social e desenvolver habilidades chave para o seu futuro profesional. O curso pasado, preto de 23.000 estudantes involucráronse en accións de voluntariado, o que supón un incremento do 18% respecto do curso anterior.

Radiografía
O estudo tamén ofrece unha visión completa sobre a actividade promovida desde as propias institucións. Deste xeito, seis de cada dez iniciativas de voluntariado que desenvolven as universidades realízanse da man de entidades sen ánimo de lucro, nove de cada dez proxectos son desenvolvidos no ámbito estatal e un terzo deles prolónganse entre os seis e os 12 meses. As iniciativas vinculadas a colectivos en risco de exclusión social, a infancia vulnerable e as persoas con diversidade funcional son as que xeran un maior interese entre os alumnos.

O informe traza tamén o perfil das persoas que colaboran en actividades de voluntariado: tres de cada catro son mulleres, un 50% estudan graos relacionados coa rama de Ciencias Sociais e Xurídicas e destinan unha media de entre 2 e 4 horas do seu tempo semanal a participar en tarefas solidarias.

The contents of this page were updated on 10.17.2024.