Skip to main content

Constitúese o comité consultivo de expertos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Constitúese o comité consultivo de expertos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Constitúese o comité consultivo de expertos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Ofrecerá asesoramento co obxectivo principal de mellorar a empregabilidade do alumnado

O comité consultivo de expertos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebrou esta mañá a súa primeira reunión de traballo, na que coñeceron información detallada acerca dos títulos que se imparten no centro e das actividades de celebración do 50 aniversario dos estudos de economía en Galicia.

A Facultade, consciente de que a súa misión educativa e formativa non se pode desenvolver sen a participación do tecido social da contorna, creou este comité para o asesoramento no eido da formación do alumnado co obxectivo principal de mellorar a súa empregabilidade. Por iso, compóñeno representantes das institucións públicas e privadas máis directamente relacionadas cos títulos universitarios que se imparten no centro e correspondentes ao ámbito xeográfico de influencia.

Na súa composición, que preside a decana da Facultade Emilia Vázquez, figuran responsables de institucións como o Consello Económico e Social de Galicia, as consellerías de Economía e Facenda, o Consello de Contas, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e a Fegamp. Ademais do Consello Social da USC e de Alumni por parte da Universidade, forman parte tamén o Colexio de Economistas, a Cámara de Comercio de Santiago, a Confederación de Empresarios de Galicia, o Instituto Español de Analistas Financeiros e a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre.

Pola parte empresarial, forman parte do comité representantes de Galega de Economía Social, Televés, Finsa, Urovesa, Puentes, Espina y Delfín, Clun-Feiraco, Gadisa, Estrella Galicia, Paradores, Hotusa, Auditores Asociados, Banco Santander e Abanca. Por último, hai tamén un representante de cada un dos servizos económicos dos tres sindicatos maioritarios.

A Facultade
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebra este ano o 50 aniversario do comezo dos estudos de economía en Galicia. Na actualidade, o centro imparte os graos en Economía e en Administración e Dirección de Empresas.

Ademais, ten unha completa oferta de posgrao, cos másteres universitarios en Desenvolvemento Económico e Innovación; Desenvolvemento Rexional e Integración Económica, Dirección de Empresas; Dirección e Xestión Contable e Financeira; Economía: Organización Industrial e Mercados Financeiros; e Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas.

The contents of this page were updated on 06.23.2017.