Skip to main content

Unha nova labarada de Faíscas Culturais prende no Campus de Lugo grazas á chama do Centro Dramático Galego

Fran Núñez traballando con estudantado do Campus de Lugo
Fran Núñez traballando con estudantado do Campus de Lugo
O director do CDG Fran Núñez achegou ao estudantado das facultades de Formación do Profesorado, Administración e Dirección de Empresas e Humanidades as claves da produción e a creatividade teatral a través desta iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura coa que se conecta a programación cultural cos contidos que se imparten nas aulas
Lugo

Introducir actividades de carácter cultural dentro das aulas e convertelas en panca coa que dar pulo á reflexión, ao debate e ao fomento do espírito crítico do estudantado. Esta é a esencia das Faíscas Culturais, unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que dende o curso 2022-2023 optou por erguer unha ponte entre a programación cultural da USC e os contidos que se imparten nas titulacións. Neste senso, a colaboración co Centro Dramático Galego está a ser capital. O seu director Fran Núñez participou esta semana no Campus de Lugo nunha nova faísca titulada ‘Terceiro acto: creando ilimitadamente entre números’ na que tivo a posibilidade de crear unha contorna de reflexión colaborativa con estudantado de Formación do Profesorado, Administración e Dirección de Empresas e Humanidades. 

Grazas á intervención de Fran Núñez o estudantado puido coñecer de primeira man como se realiza unha produción teatral e cal é o traballo que se acubilla máis alá do que acontece sobre o escenario. A faísca tomou como nome unha das pezas do CDG ‘Terceiro acto’ na que se concibe “o teatro como un foro, como un espazo de negociación que serve para tender pontes, para contradicirnos e para achegarnos uns aos outros”. O lema da faísca ‘creando ilimitadamente entre números’ apunta a como nunha produción teatral a creatividade ten que convivir tamén con outros elementos como, por exemplo, o orzamento do que se dispón para poder erguer o pano, feito que obriga a xogar tamén cos números. 

A primeira das actividades desenvolveuse o mércores 23 na Facultade de Administración e Dirección de Empresas e nela participou tamén estudantado de Humanidades. A iniciativa estivo coordinada polo profesor Jacobo Feás. Xa en quenda de tarde, en Formación do Profesorado, unha nova faísca prendeu entre o estudantado da materia 'Proxectos Artísticos'. Esta acción estivo coordinada polo docente Vicente Blanco. 

Afectos dixitais

As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanzou un novo proxecto artístico-pedagóxico co que se logrou que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas saltase ata as aulas universitarias e prendese, a través da reflexión, no estudantado inseríndose no seu currículo académico. As Faíscas pretenden conectar o que a USC realiza no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas e forman parte da programación do Outono Cultural integrado por un amplo e diverso abano de actividades no que música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais danse a man.

As Faíscas Culturais chagarán en próximas datas a Santiago de Compostela a través da mostra 'Afectos Dixitais' que ocupará entre novembro de 2024 e febreiro de 2025 o Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. A partir desta exposición realizaranse diferentes intervencións nas facultades de Ciencias da Educación, Ciencias Políticas e Sociais, Dereito, Filosofía, Medicina e Odontoloxía, e Psicoloxía.

A primeira das actividades desenvolveuse o mércores 23 na Facultade de Administración e Dirección de Empresas e nela participou tamén estudantado de Humanidades. A iniciativa estivo coordinada polo profesor Jacobo Feás
A primeira das actividades desenvolveuse o mércores 23 na Facultade de Administración e Dirección de Empresas e nela participou tamén estudantado de Humanidades. A iniciativa estivo coordinada polo profesor Jacobo Feás
The contents of this page were updated on 10.25.2024.