Skip to main content

Estrea da nova temporada da serie de audiovisuais de divulgación do coñecemento ‘Investigamos na USC’

O primeiro vídeo explica como se deseñan os plásticos sustentables
O primeiro vídeo explica como se deseñan os plásticos sustentables
O vídeo ‘Investigamos nos plásticos sustentables’ amosa como desde o grupo liderado por Anuska Mosquera crean plásticos biodegradables a partir de aceites de cociña usados

O vídeo ‘Investigamos nos plásticos sustentables’, protagonizado pola profesora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e investigadora do CRETUS da USC Anuska Mosquera, estrea a segunda temporada da serie de audiovisuais de divulgación ‘Investigamos na USC’, que se poderán ver semanalmente na canle de YouTube da USC e que contan con audio en galego e subtítulos en castelán e mais en inglés.

Nesta primeira entrega, Anuska Mosquera explica como desde o grupo de investigación que lidera están a crear plásticos biodegradables a partir de aceites de cociña usados. Os plásticos son materiais poliméricos que se empregan moi habitualmente polas súas extraordinarias propiedades, xa que son lixeiros, moldeables, impermeables e illantes. Con todo, os plásticos convencionais, derivados do petróleo, ao non ser biodegradables producen serios problemas de contaminación.

Continuación
A anterior temporada de ‘Investigamos na USC’ deu a coñecer audiovisuais nos que persoal docente e investigador divulgaba coñecementos sobre diversos temas, formando parte da programación da serie multimedia ‘Universo sostenible’, que se emitiu na temporada de ‘La aventura del saber’ de La2 de RTVE difundida desde a primeira semana de abril de 2024.

A serie foi coproducida por Crue Universidades Españolas, entidade da que forma parte a USC, e achegou reportaxes nas que representantes da comunidade científica explicaron, de xeito sinxelo, proxectos de investigación que terán impacto no futuro próximo, o que axuda a divulgar o traballo que desenvolven. No caso da USC amosouse unha pequena mostra dos moitos traballos que se están desenvolvendo nas distintas facultades e centros de investigación e nas diferentes áreas de coñecemento da Universidade.

Como complemento das pezas emitidas en La2, o Servizo de Medios Audiovisuais da USC creou unhas pequenas pezas con subtítulos en galego baixo o título ‘Investigamos na USC’ coas intervencións das persoas expertas que participaron nos distintos capítulos da serie ‘Universo Sostenible’ e que se poden ver na canle de YouTube da USC.  Así mesmo, integran este espazo as intervencións no programa de docentes e persoal investigador en anteriores temporadas da serie.

The contents of this page were updated on 10.30.2024.