Skip to main content

A Universidade de Santiago inicia o seu proceso de reforma estatutaria

O proceso de reforma estatutaria rematará coa aprobación por parte do Claustro universitario. Foto: Santi Alvite
O proceso de reforma estatutaria rematará coa aprobación por parte do Claustro universitario. Foto: Santi Alvite
Abre ata o 15 de novembro o período de información pública. Calquera membro da comunidade universitaria pode participar da reflexión e do debate sobre o novo marco estatutario da USC. Quen desexe facelo, debe consultar a web dedicada a todo este procedemento.

A Universidade de Santiago vén de abrir o proceso de renovación dos seus estatutos, tal e como informou o reitor este venres e en cumprimento da Disposición Transitoria primeira da LOSU, LO 2/2023. Iníciase así o período de información pública á comunidade universitaria, que permanecerá aberto ata o día 15 de novembro ás 14.00 horas.

Calquera membro da comunidade universitaria pode participar da reflexión e do debate sobre o novo marco estatutario da USC. Quen desexe facelo, tanto co envío de propostas ao borrador como para consultar o cronograma do proceso, comparar o texto vixente co proposto ou mesmo coñecer as bases empregadas para elaborar o borrador e as principais novidades, debe consultar a web dedicada a todo este procedemento.

O proceso de reforma estatutaria rematará coa aprobación por parte do Claustro universitario dos novos estatutos no ano 2025 e a súa posterior publicación no DOG.

Criterios do novo texto 
Para a elaboración do borrador dos novos Estatutos, que toman como base os vixentes coas adaptacións obrigadas polo novo marco normativo, tivéronse en conta unha serie de criterios como que o texto debera conter o réxime básico da Universidade, pero só co contido necesario para evitar caer nunha conxelación de rango que dificulta posteriores modificacións.

Ademais, o novo texto presenta intencionadamente abertas cuestións que deben ser debatidas e decididas polo Claustro, como son a existencia ou non de Departamentos ou a determinación da participación dos distintos sectores da comunidade universitaria nos distintos órganos de goberno, tanto na conformación destes como na ponderación para a elección de reitor ou reitora.
 

The contents of this page were updated on 10.25.2024.