Skip to main content

O libro Luz tras las tinieblas de Roberto Blanco Valdés, recoñecido como mellor ensaio en lingua española de 2018

Imaxe recente do profesor Roberto Blanco Valdés
Imaxe recente do profesor Roberto Blanco Valdés

O libro Luz tras las tinieblas. Vindicación de la España constitucional do catedrático de Dereito Constitucional Roberto Blanco Valdés acaba de ser recoñecido pola revista ‘El Cultural’ como o mellor ensaio en lingua española publicado en 2018. Na lista encabezada polo docente da Facultade de Dereito da USC séguenlle as obras asinadas por Federico Jiménez Losantos, Jordi Canal, Daniel Gascón, José Manuel Ruíz Soroa ou Mario Vargas Llosa.

Segundo ‘El Cultural’, o recoñecido como mellor ensaio de 2018 “articula unha lúcida e enfática defensa do noso sistema político e social e da súa primeira pedra, a Constitución de 1978”, á que o autor presenta como “ese gran pacto histórico que permitiu alumear un Estado moderno, cunha democracia estable e co maior grao de benestar da historia deste país”. Como se pon de manifesto no propio volume, o libro “sen eludir todo o que é mellorable ou queda por facer, que tamén se aborda nestas páxinas”, o autor “presenta unha documentada análise do estado da democracia española e unha elocuente vindicación da que, a día de hoxe, ten demostrado ser a mellor España da nosa historia”.

Ao longo das súas páxinas, Roberto Blanco Valdés inicia a súa reflexión cun percorrido pola historia constitucional española dende 1812 para logo aludir a aqueles aspectos que determinan a idiosincrasia da Constitución española de 1978 ao longo das últimas décadas. Así, presta especial atención aos conceptos de monarquía democrática, democracia parlamentaria, á organización territorial do estado, á defensa democrática e constitución da norma ou ao papel dos partidos políticos neste sistema. O libro remata cun epílogo no que reflexiona sobre a necesidade de reforma da Constitución.

The contents of this page were updated on 01.17.2019.