Skip to main content

Comezan en novembro os traballos de exhumación do Plan de Memoria Democrática en Galicia de 2024

Instantánea de traballos de xeorradar que se levaron a cabo no cemiterio do O Val (Narón) en 2023
Instantánea de traballos de xeorradar que se levaron a cabo no cemiterio do O Val (Narón) en 2023
O Grupo Histagra da USC presentou as actuacións a desenvolver este novembro en Narón e Salvaterra do Miño e fixo balance do realizado nos tres últimos anos

O grupo de investigación Histagra leva dende o ano 2021 traballando na busca, identificación e exhumación de persoas desaparecidas durante o golpe de Estado e a retagarda da Guerra Civil en Galicia grazas a un convenio asinado entre a USC e a Xunta da Galicia, e aos fondos destinados pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática.

Os traballos do I Plan Cuadrienal de Memoria Democrática (2021-2024), promovido pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática do Goberno de España, está previsto que rematen este mes de novembro coa continuación dos traballos no cemiterio de Sta Mª do Val (Narón) e a exhumación da fosa de San Miguel de Cabreira (Salvaterra de Miño). Os detalles do plan para este ano e os traballos realizados ata o de agora explicáronos este luns no Colexio de San Xerome o responsable dos estudos históricos, Antonio Míguez Macho, e a responsable da investigación histórica, Conchi López, acompañados do reitor da USC, Antonio López, para quen esta investigación responde a unha das misións da sociedade, como é a de trasladar a nosa investigación á sociedade. Ademais, dixo, “neste caso é de xustiza”.

O 4 de novembro, comezo dos traballos
A previsión do equipo é que o próximo 4 de novembro se volva intervir no cemiterio de O Val (Narón) co obxectivo de confirmar a localización da fosa, delimitar as súas dimensións e determinar o seu grao de alteración debido á  posterior construción de nichos encima. O informe histórico previo, no que foi de gran axuda a colaboración da Asociación Cultural Memoria Histórica e Democrática, sinala 51 persoas asasinadas (a gran maioría, mariñeiros, oficiais e suboficiais de Mariña) e inhumadas nese espazo durante o Golpe e a Guerra. Os traballos de prospección continuarán a cargo da empresa Tempos Arqueólogos no cemiterio, onde se sitúa unha das fosas mais grandes de Galicia e onde tivo lugar un dos maiores asasinatos colectivos dos que se teñen constancia. Ata o momento, tres familias da comarca solicitaron ao equipo a procura e entrega dos restos dos seus parentes, que poden estar nestas fosas do cemiterio de O Val (Narón).

Está previsto tamén intervir, a partir do día 18 de novembro, na fosa de Cabreira (Salvaterra do Miño). O informe histórico previo, no que colaborou a Comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e outros investigadores locais,  sinala a localización da fosa no adro do cemiterio, na que estarían enterradas 5 persoas, asasinadas o 18 de outubro de 1936. Segundo manifesta o equipo, non hai información clara de quen poderían ser esas persoas pero a hipótese coa que traballan é que foran cinco veciños de Moaña, dados por desaparecidos en 1936. Tras ser conducidos nun camión ata Curros, alí foron asasinados; posteriormente, os seus cadáveres foron trasladados e enterrados no cemiterio de Cabreira, tal e como sinala o rexistro civil de defuncións, no que constan como “descoñecidas”. Actualmente, dúas fillas/sobriñas dos moañeses reclaman ao equipo a procura, recuperación, identificación e entrega dos restos.

Resignificación de espazos
Este ano tamén está previsto traballar na sinalización e memorialización de dúas fosas intervidas anteriormente, localizadas no cemiterio de San Breixo de Celanova e no cemiterio municipal de Vilagarcía de Arousa. Un totem deseñado por Uqui Permui recollerá información do suceso violento e tamén da propia intervención derivada das actuacións do PMD.

Así mesmo, tal e como explicou Conchi López, en Soutelo (Salceda de Caselas) procederán a realizar traballos de investigación histórica que permitan de localizar a fosa á que remiten os certificados de defunción e determinar que persoas foron alí enterradas e a viabilidade dunha próxima intervención e exhumación. Organizarase tamén un acto coa familia de César Alberte, persoa desaparecida e buscada na fosa de Crecente, para dar a coñecer os resultados das investigacións.

Catro anos de actuacións
O equipo multidisciplinar que traballa no Plan de Memoria Democrática formado polos grupos de Investigación Histagra e AEVUM, o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro e o Instituto de Medicina Legal de Galicia fixo este luns balance das numerosas accións levadas a cabo dende o ano 2021, que se resumen en traballos en 11 fosas -Crecente (2), Vilagarcía de Arousa, Viilacoba (Lousame), A Capela, Celanova, Trasanquelos (Oza-Cesuras), O Castro (Viana do Bolo), O Val (Narón), Cabreira (Salvaterra) e Soutelo (Salceda de Caselas)- e na busca de 107 vítimas.

Ata o de agora identificaron os restos de 3 executados, que aínda que son posiblemente 7 “non o podemos confirmar porque non atopamos as súas familias”, explicou Míguez Macho, quen engadiu que neste tempo se atenderon as demandas de 27 familias. Todos

O equipo
O equipo interdisciplinar do Plan de Memoria Democrática está composto polo responsable dos estudos históricos, Antonio Míguez Macho, e a colaboradora de HISTAGRA e historiadora, Conchi López, encargada da investigación histórica. Os traballos arqueolóxicos están coordinados polo investigador José Carlos Sánchez Pardo e son levados a cabo por Mario César Vila e Fran Alonso, de Tempos Arqueólogos. Os traballos forenses corren a cargo de Fernando Serrulla Rech, do Instituto de Medicina Legal de Galicia, e os de xenética son responsabilidade do equipo de Victoria Lareu, do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, coordinado por Ana Mosquera.
 

De esquerda a dereita, Antonio Míguez, Antonio López e Conchi López. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Antonio Míguez, Antonio López e Conchi López. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 10.28.2024.