Skip to main content

A USC colabora coa Xunta nun estudo sobre os efectos da carga do cultivo de moluscos sobre as rías galegas, co foco no mexillón nas de Arousa e Muros-Noia

O reitor e o conselleiro do Mar asinaros os convenios polos que se rexen os traballos. Foto: Santi Alvite
O reitor e o conselleiro do Mar asinaros os convenios polos que se rexen os traballos. Foto: Santi Alvite
Outra investigación tamén da USC profundará na tolerancia á baixa salinidade do berberecho galego

A produción de moluscos nas rías galegas constitúe unha actividade industrial transcendental para a socio economía do país, cuxo éxito se debe, en gran medida, ás especiais características ambientais. Esa dependencia dunhas condicións axeitadas das propias rías fai necesario evitar que determinadas actividades, como a marisqueira, poidan chegar a degradar irreversiblemente un contorno de que depende unha boa parte da economía da rexión e da súa poboación.

Ata a data, non existe ningún estudo científico multidisciplinar sobre o efecto que o cultivo de determinadas especies de moluscos pode ter sobre o ecosistema das rías. A este respecto, existen opinións contrapostas: unhas que sinalan a sobreexplotación dunha especie como causante do deterioro do ecosistema especial das rías, o que afectaría outros cultivos, e outras que defenden que a súa enorme capacidade filtradora ten un efecto depurador sobre a contaminación antropoxénica das rías.

Para tentar poñer luz e coñecemento científico a esta disxuntiva, o reitor da USC Antonio López e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asinaron este luns en San Xerome un convenio de colaboración para o estudo dos efectos da carga do cultivo de moluscos sobre as rías galegas. A desenvolver ata 2026 e enmarcado na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, o proxecto conta cun financiamento de 410.000 euros.

En concreto, investigarase o efecto dos polígonos dedicados ao cultivo mexillón sobre a calidade e produción do ecosistema das rías galegas a través da avaliación tanto do seu efecto depurador como concentrador de contaminantes químicos, orgánicos e microbianos, o seu efecto sobre a calidade do ambiente sedimentario e da auga, así como sobre a dispoñibilidade de recurso alimentario para outras especies. Así mesmo, estudarase o seu potencial efecto sobre o cultivo doutras especies.

Comparando as Rías de Arousa e de Muros-Noia
Tal e como explican os responsables do proxecto, as rías Baixas representan o contexto mariño no que pode estar concorrendo unha situación de deterioración ambiental irreversible e de colapso da produción marisqueira, coa existencia de dous factores que poden ter un efecto negativo sobre a calidade das augas e sedimentos das rías: por un lado, a contaminación antropoxénica das poboacións costeiras e, por outro, a sobreexplotación acuícola.

Nesa zona, o nivel de explotación por cultivo é moi variable, e dependente da Ría, desde o maior nivel representado pola Ría de Arousa, ata o máis baixo da de Muros-Noia, as dúas que van ser focos do estudo. En canto para o efecto antropoxénico das poboacións costeiras, o feito de que a depuración de augas residuais non alcanzase o nivel exixido pola UE implica unha presión negativa sobre a calidade da auga no contorno dos efluentes.

O equipo
O proxecto correrá a cargo de cinco equipos dos centros de investigación da USC Instituto de Investigación do Medio Acuático para Unha Saúde Global (iARCUS) e CRETUS, con capacidade científica demostrada na materia a tratar. En concreto, participan os grupos de Patoloxía en Acuicultura (GIPA), Cromatografía e Quimometría (ChromChem) e Sistemática Molecular (SISMOL), do iARCUS; e os de Física Non Lineal (GFNL) e de Ambiosol-Cartografía de Solos e Paisaxe, Físico-Química, Degradación e Recuperación de Solos e Augas, ambos os dous do CRETUS.

Os responsables globais do proxecto son, por parte da Universidade de Santiago de Compostela, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela e director do Instituto de Investigación do Medio Acuático para Unha Saúde Global, Carlos Pereira Dopazo, e por parte da Consellería do Mar o xefe do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura, Manuel García Tasende.

Resistencia á baixa salinidade do berberecho galego
Por outra banda, o persoal científico do grupo de investigación ACUIGEN (Xenética aplicada á acuicultura e á conservación de recursos biolóxicos) da USC será quen desenvolva o proxecto RESALBER de Obtención de marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho (Cerastoderma edule). Para a realización deste proxecto, tamén este luns o reitor e o conselleiro asinaron un convenio de colaboración polo que a Consellaría achega 174.000 euros para identificar marcadores que permitan obter estirpes de berberecho tolerantes aos descensos de salinidade.

Da investigación realizada, co horizonte a finais do ano 2026, agárdanse resultados sobre a resiliencia dos berberechos fronte ás baixadas de salinidade, a base xenética da tolerancia á salinidade do bivalvo, reprodutores seleccionados e semente cunha tolerancia superior, desempeño no medio natural da semente seleccionada e validación dos marcadores identificados para a selección. Todo, coa fin de mellorar a tolerancia á salinidade e consecuentemente a produción do berberecho nas rías galegas.

As actuacións desta iniciativa realizaranse en colaboración coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, a Confraría de pescadores de Vilaxoán, a Confraría de pescadores de Moaña e as Confrarías de pescadores que xestionan a Lonxa de Campelo (Pontevedra, Lourizán e Raxó).
 

The contents of this page were updated on 11.04.2024.