Skip to main content

Premiada unha investigación arredor da representación da muller nas películas sobre as rutas xacobeas

A representación das mulleres nas películas relativas ás rutas xacobeas é o tema do estudo premiado. FOTO: Santi Alvite
A representación das mulleres nas películas relativas ás rutas xacobeas é o tema do estudo premiado. FOTO: Santi Alvite
O traballo galardoado pola Cátedra do Camiño é froito do TFM realizado por María Belén Pucci González, enfocado na relación do turismo cinematográfico cos filmes

A sétima edición do Premio a Traballos de Fin de Grao (TFG) e de Mestrado (TFM) da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións da USC acaba de recoñecer unha investigación arredor da representación da muller nas películas sobre rutas xacobeas. María Belén Pucci González, estudante do Mestrado de Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos da Coruña, é autora do TFM premiado, titulado ‘Análise da representación da muller nas películas do Camiño de Santiago e relación co Turismo Cinematográfico’.

Esta convocatoria da Cátedra, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, forma parte dos galardóns á investigación sobre o Camiño de Santiago e as peregrinacións que convoca periodicamente e que constitúe un dos seus obxectivos, xunto coa promoción de actividades académicas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate sobre ambas realidades, así como a difusión dos valores asociados a elas.

O turismo cinematográfico, indica a autora no TFM, é un “fenómeno global que gañou relevancia nas últimas décadas e transcende fronteiras xeográficas e culturais”. Así, sinala, “cando unha película elixe un destino como escenario para a súa narrativa, confírelle un atractivo adicional que convida os espectadores a experimentar directamente ese lugar. Neste contexto, Galicia cativou a atención tanto de cineastas como de viaxeiros, destacándose especialmente o Camiño de Santiago como un escenario de relevancia mundial”.

O traballo premiado lembra que “as producións audiovisuais, ademais do seu impacto económico no turismo, desempeñan un papel significativo na forma na que unha sociedade se percibe a si mesma” e neste sentido, a autora afirma que “tradicionalmente asociado cunha narrativa predominantemente masculina, o Camiño de Santiago evolucionou na actualidade, atraendo mulleres de todo o mundo en busca de realizar esta travesía espiritual e cultural. Este cambio da dinámica de xénero reflicte as transformacións sociais que se están dando na sociedade contemporánea”. De feito, subliña que “nun contexto global marcado por grandes retos sociais, económicos e ambientais, a Organización das Nacións Unidas promove a igualdade de xénero no obxectivo 5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”.

Tomando como referencia esa realidade, a investigación examina “as producións audiovisuais de películas que teñen como escenario o Camiño de Santiago, co fin de analizar a construción e representación das narrativas femininas, así como identificar os estereotipos e roles de xénero presentes nas devanditas obras cinematográficas”.

Biografía
María Belén Pucci González é avogada, oriúnda de Arxentina, graduada na Universidade Nacional de Mar do Prata (2002-2007). Durante os anos posteriores combinou as súas experiencias laborais coa súa paixón por percorrer o mundo, visitando Galicia en varias oportunidades. En 2022 as súas raíces galegas abríronlle a oportunidade de participar do Programa de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) da Xunta de Galicia, e desde aquela reside na cidade da Coruña co fin de realizar o Mestrado en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos da Universidade da Coruña, no que desenvolveu a súa investigación centrada na temática do Camiño de Santiago. Actualmente realiza na cidade herculina un grao superior en Administración e Finanzas.

The contents of this page were updated on 11.06.2024.