O CIFEX pon o foco das súas xornadas anuais no feminismo ecolóxico
‘Resistencia feminista ao colapso’ é o título co que o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de estudos de Xénero (CIFEX) da USC denominou as súas xornadas anuais, que nesta ocasión se centrarán no feminismo ecolóxico. O encontro desenvolverase os días 12 e 13 de novembro no salón de actos da Facultade de Filoloxía, previa inscrición ata o 8 de novembro. Esta é unha actividade que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Entre as persoas convidadas figuran Irene Zugasti, politóloga e xornalista que formou parte do equipo do Ministerio de igualdade na anterior lexislatura; Lina Coelho, economista da Universidade de Coimbra; e o filósofo Brais Arribas.
O programa contempla ademais dous debates; un primeiro titulado ‘Por que as ciencias se volveron contra a natureza?’, coa participación da investigadora en Física Encina Calvo e a investigadora en Biomedicina Irene Visos, e outro sobre ‘Activismo feminista fronte ás violencias contra a natureza’ no que interveñen a antropóloga Guadalupe Jiménez e a pedagoga Milena Villar.
O encontro complétase cunha intervención da performer e artista visual Ana Gesto, quen xunto á directora do CIFEX, Teresa Moure, manterá ao día seguinte un debate co público para “pensarmos en colectivo”.