Skip to main content

O domingo comeza unha nova Olimpíada Solidaria de Estudo

O domingo comeza unha nova Olimpíada Solidaria de Estudo
O domingo comeza unha nova Olimpíada Solidaria de Estudo
Unha hora de estudo en bibliotecas de Santiago e Lugo equivalerá a un euro para lograr a reinserción escolar de menores vítimas dos conflitos no Congo

Un ano máis, a USC súmase á Olimpíada Solidaria, unha campaña de sensibilización e solidariedade pola que por cada hora de estudo do alumnado en bibliotecas dos campus de Santiago e Lugo as entidades colaboradoras doarán un euro para o desenvolvemento de proxectos solidarios. Esta campaña, creada pola ONGD Coopera, comeza este domingo 5 e estenderase ata o día 5 de decembro coordinada na USC polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU).

Nesta ocasión, as horas de estudo que se contabilicen en Galicia servirán para lograr a reinserción escolar de menores que foron vítimas dos grupos armados e dos conflitos bélicos que seguen activos en Kivu Sur, na República Democrática do Congo. O proxecto garantirá que estes menores regresen á escola e finalicen un ciclo educativo completo, asumindo para iso os seus gastos de escolarización (matrícula, taxas, uniformes e material escolar) durante un mínimo de tres anos.

Para facer o cómputo total das horas, habilitouse en cada centro un terminal informático, no que o alumnado ten que introducir a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) á entrada e saída das salas de estudo. Para que se poida realizar o cómputo deberase acumular como mínimo unha hora e un máximo de catro, período logo do que deberían volver introducir a tarxeta se queren seguir contabilizando horas.

A USC habilitou para o proxecto as zonas de estudo das bibliotecas de Formación do Profesorado e de Veterinaria e na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. En Compostela, a Biblioteca Xeral e a Concepción Arenal, así como a Escola Técnica Superior de Enxeñaría e as facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte), Ciencias Económicas e Empresariais, Farmacia, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química e Xeografía e Historia.

Para acadar máis información poden dirixirse a Ernesto Gómez, axente de voluntariado do Servizo de Participación e Integración Universitaria e coordinador da Olimpíada na USC no teléfono 881.812.858 ou no correo electrónico sepiu.santiago [at] usc.es (sepiu[dot]santiago[at]usc[dot]es).

The contents of this page were updated on 11.03.2017.