A economía circular no sector téxtil centra unhas xornadas en Ciencias Económicas
O grupo Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento (ICEDE) e o mestrado en Desenvolvemento Económico e Innovación da USC organizan este mes de novembro unhas xornadas sobre economía circular no sector téxtil, que se desenvolverán os días 14 e 25 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago.
A primeira das sesións, dedicada á transformación do consumo e dos negocios cara á moda sostible, contará coa presenza de tres relatoras cunha longa traxectoria investigadora no ámbito da economía circular e a sustentabilidade. Así, a profesora da UDC Carmen Gago Cortés, membro do grupo Economic Development and Social Sustainability (EDaSS), disertará sobre o comportamento do consumidor ante as novas
tendencias de moda sostible, mentres que a catedrática da UDC Cristina Calvo Porral, do grupo Jean Monnet de Competitividade e Desenvolvemento (GCD), pronunciará a charla ‘Dende a experiencia profesional á investigación da moda sostible’. Finalmente, a profesora da USC e membro do grupo ICEDE Ángeles Pereira Sánchez explicará modelos de negocio circulares na moda.
A xornada, aberta a toda a comunidade universitaria, terá lugar ás 11:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da USC e poderá seguirse tamén de xeito telemático a través do enlace: https://bit.ly/ECTextil_DEIN
Segunda sesión
A segunda sesión será o día 25 ás 16.00 horas, tamén con formato híbrido, e leva por título ‘Explorando novas fronteiras das fibras e os residuos téxtiles’. Dirixida como a anterior a calquera persoa interesada, contará coa participación da investigadora posdoutoral de Dereito da UDC Itziar Sobrino García, que falará do futuro dos residuos téxtiles en Europa a través do ecodeseño, e da investigadora posdoutoral de Enxeñería Química da Uvigo Lorena Villar Blanco, que profundará no desafío da reciclaxe de residuos téxtiles de fibras celulósicas e sintéticas. Pola súa banda, a investigadora predoutoral en Economía da USC Elisa Durán Rubí explicará os retos e oportunidades das fibras celulósicas téxtiles coma estratexia da bioeconomía circular.