Aberto o prazo de inscrición nas xornadas sobre discapacidade e universidade
Os días 17 e 18 de novembro desenvolveranse na Facultade de Matemáticas as xornadas ‘ Universidade e discapacidade: favorecendo o coñecemento, fomentando a inclusión’, recoñecido academicamente para todas as titulacións con 1 crédito ECTS.
O curso estrutúrase nunha parte teórica sobre conceptos, terminoloxía, dereitos e deberes das persoas con discapacidade nos estudos superiores, ademais dun apartado dedicado á presentación do estudo sobre o grao de inclusión do alumnado da USC con discapacidade, e unha parte práctica con tres talleres sobre protocolos de actuacións con persoas con discapacidade sensorial (visual e auditiva), física e conductual. Como complemento, proxectarase o documental Mais ca Vida , un proxecto audiovisual do director galego Rubén Riós.
Durante as xornadas daráselle aos alumnos participantes a posibilidade de colaborar na creación de grupos de apoio informais que fixeran un seguimento da inclusión dos compañeiros con necesidades educativas específicas na vida diaria na aula. Desta maneira estaríase incidindo nos obxectivos operativos do proxecto, como son a promoción do traballo entre iguais e dos apoios naturais para o desenvolvemento de proxectos inclusivos na aula que faciliten a normalización do alumnado con necesidades educativas específicas na vida académica e a creación de grupos de traballo na aula que contemplen a diversidade como un elemento enriquecedor para a formación integral del alumnado.
As xornadas enmárcanse no proxecto do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedido á USC vinculado ao CEI, 2015 MECD EXCELENCIA Programa de Apoyo en el Aula: los apoyos naturales como herramienta de inclusión.