Skip to main content

Máis de 80 docentes e investigadores do ámbito territorial da USC demandan unha nova política para o rural galego

Grupo de docentes e investigadores da USC asinantes do manifesto 'Por unha política para o rural galego'
Grupo de docentes e investigadores da USC asinantes do manifesto 'Por unha política para o rural galego'

Máis de oitenta profesores e investigadores da USC que traballan en diversas áreas de coñecemento ligadas ao ámbito territorial demandan unha nova política para o rural galego, se recolle no manifesto ‘Por unha nova política para o rural galego’, presentado este mércores por un grupo de docentes no edificio de Vicerreitorías de Lugo.

Os profesores da USC Dolores Vázquez, da área de Ecoloxía, e Emilio Díaz Varela, do departamento de Enxeñaría Agroforestal, foron os responsables de poñer voz ao manifesto ‘Por unha nova política para o rural galego’, un documento a través do que os asinantes achegan as súas opinións e propostas para contribuír a acadar unha solución á problemática derivada dos incendios.

O manifesto recolle a disposición destes docentes e investigadores ligados profesionalmente ao medio rural a contribuír desde as súas respectivas áreas de traballo a solucionar a desfeita provocada polos incendios e a traballar para que esta situación non se volva a producir. O texto reflicte a vontade dos asinantes de manifestar que non concordan coas diagnoses maioritariamente difundidas do acontecido e sitúan a discusión pública dos lumes na existencia ou non de incendiarios ou na pouca eficiencia nos procesos de extinción.

“Cremos que os incendios non son a causa, senón unha das consecuencias dun problema de aínda maior calado: o abandono das áreas rurais”, salientan os asinantes deste manifesto, para os que a solución pasa por realizar análises máis profundas e que deben integrar obrigatoriamente unha perspectiva territorial e non sectorial.

Daquela, o manifesto ‘Por unha nova política para o rural galego’ inclúe a esixencia dun cambio de rumbo nas políticas territoriais, en especial na forestal e agrogandeira, xa que, segundo apuntan, ambas téñense demostrado ineficaces á hora de avanzar cara un rural vivo. As áreas rurais necesitan recursos económicos, pero tamén actuacións que poden ser difíciles de aceitar para unha parte importante da poboación. A ordenación do territorio, a planificación de usos do solo, o establecemento de normas ambientais efectivas van precisar de consenso político e social. Os e as que asinantes deste texto reivindican que se traballe na consecución de consenso, implicando para iso no debate ao conxunto da sociedade.

The contents of this page were updated on 11.08.2017.