Skip to main content

Un equipo da USC faise co terceiro premio do Concurso de Modelización Matemática do Instituto de Matemática Interdisciplinar

Integrantes do equipo da USC gañador do terceiro premio. Foto: UCM
Integrantes do equipo da USC gañador do terceiro premio. Foto: UCM
Mateo Pérez, Inacio Suárez e Clara Senín, do grao de Matemáticas e do dobre grao Matemáticas e Física, tiveron que modelizar e deseñar unha célula solar

‘Descubre o segredo do Sol: Deseña a túa propia célula solar’. Este foi o problema formulado no VII Concurso de Modelización Matemática que organiza o Instituto de Matemática Interdisciplinar e que lle valeu o terceiro premio a Mateo Pérez, Inacio Suárez e Clara Senín, estudantes do grao de Matemáticas e do dobre grao Matemáticas e Física. O equipo da USC competiu nesta sétima edición con 30 universidades, oito delas de fóra do Estado.

A organización decidiu este ano focalizar o problema do concurso nas células solares xa que cada vez son máis empregadas para xerar electricidade. A partir dunha serie de indicacións, os equipos tiñan que formular un modelo que goberne a corrente que se xera nunha célula solar, cun modelo simplificado, para que os estudantado puidese descubrir o comportamento de electróns e ocos mediante ecuacións diferenciais parciais e ordinarias. 

O problema dividiuse en tres partes. Na primeira había que xerar un modelo matemático para a célula solar; a segunda consistiu en explicar cal é a densidade de corrente e debuxar unha gráfica baixo certas condicións de voltaxe da célula solar, e a terceira foi optimizar a célula solar, para maximizar a súa potencia.

O concurso
O concurso conta coa colaboración da Universidade Complutense de Madrid, a compañía de software científico The MathWorks S.L., a Sociedade Española de Matemática Aplicada, a Sociedade de Estatística de Investigación Operativa  e a Rede Matemáticas Industria.

O equipo gañador do primeiro premio provén do dobre grao de Matemáticas e Física da Universidade de Oviedo, e o segundo da mesma titulación da Universidade Complutense.

The contents of this page were updated on 11.18.2024.