Skip to main content

As mulleres emprendedoras no rural de Galicia superan a taxa das residentes nas cidades, segundo GEM Galicia

O informe presentouse este martes nun acto coa participación das autoras e responsables das institucións colaboradoras. Foto: Santi Alvite
O informe presentouse este martes nun acto coa participación das autoras e responsables das institucións colaboradoras. Foto: Santi Alvite
O ano 2023 foi “moi positivo” para a actividade emprendedora en Galicia malia que o dato feminino empeorou en termos xerais

O menor nivel de infraestruturas, a escaseza de recursos financeiros e de redes de apoio e a diferenza de oportunidades son algunhas das dificultades que atopan as persoas emprendedoras no medio rural, segundo o informe executivo GEM Galicia 2023-2024, que estuda o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras en Galicia e cuxa coordinación é responsabilidade de persoal investigador da USC. Malia todo, e pese a que a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) é menor que nos ámbitos urbanos, a de mulleres emprendedoras é maior no rural (7,7%) que nas poboacións de máis de 10.000 habitantes (5,8%), conforme revelan os datos ofrecidos polo equipo.

O documento presentárono este martes na sede da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago as profesoras da USC Loreto Fernández, directora do equipo GEM Galicia, e Isabel Neira Gómez, directora técnica do informe, xunto con Nuria Calvo, da Universidade da Coruña, directora técnica de GEM España. Ao acto asistiron o reitor da USC Antonio López, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta, Marta Mariño.

Datos positivos
En termos xerais, o equipo GEM destaca no seu informe que 2023 foi un ano “moi positivo” para a actividade emprendedora en Galicia e con melloría respecto ao anterior, cunha TEA que se sitúa nun 6,4% (6,6% homes e 6,1% mulleres) e cun 27% de persoas que aprecian oportunidades para emprender. Mais coa análise dende a perspectiva de xénero, o informe advirte de que a TEA feminina pasou do 6,7 en 2022 ao 6,1 en 2023, “un cambio que veu acompañado por unha caída na percepción de oportunidades para emprender: só o 23% das mulleres perciben oportunidades na contorna fronte ao 35% dos homes”, matizan.

O perfil da poboación emprendedora é de xente nova (o 45% ten entre 35-44 anos), con actividade orientada a empresas de servizos ao consumidor (48%) e maioritariamente micro-pemes (o 45% ten entre 1-5 empregados), con formación universitaria (35%) ou estudos de formación profesional (21%). O 7% das persoas emprendedoras presenta algún tipo de discapacidade e o 13% son inmigrantes. A forma xurídica maioritaria é a de autónomos (66%), sendo o 23% Sociedade Limitada e o 4% empresas de economía social. Ademais, o 10% destas iniciativas de nova creación pertencen a sectores con nivel tecnolóxico medio-alto e entre o 26-28% son innovadoras en procesos ou produtos.

Entre outras cuestións, o monográfico sobre a situación no rural que inclúe o informe sinala que en Galicia tres de cada catro persoas que viven nesa contorna ven dificultades para emprender, e o principal motivo para ser unha persoa emprendedora é o de buscar unha alternativa laboral que evite abandonar a súa zona vital, na que frecuentemente o traballo escasea.

GEM Galicia
O equipo de investigación GEM Galicia estuda o emprendemento na comunidade e realiza informes anuais para apoiar e impulsar iniciativas emprendedoras. Ten a súa sede na Universidade de Santiago de Compostela e conta con persoal investigador das tres universidades galegas, ademais de formar parte do Observatorio de Emprendemento de España (Red GEM Spain) e do consorcio Global Entrepreneurship Monitor Global (GEM Global).

O seu informe anual, que conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia, elabórase a partir dos datos recollidos de 2.000 persoas adultas e dun panel de expertas e expertos dos distintos ámbitos do sistema emprendedor galego.
 

The contents of this page were updated on 11.19.2024.