A I Carreira Popular Campus Terra percorrerá o 26 de novembro a contorna universitaria de Lugo e un treito do paseo do Miño
O Servizo de Deportes da USC celebrará o vindeiro 26 de novembro a I Carreira Popular Campus Terra, unha cita atlética de carácter internacional e aberta á participación de deportistas federados e non federados, cuxo itinerario de 7.400 metros de distancia e dificultade media descorrerá pola contorna da sede universitaria luguesa tras cubrir un treito do parque urbano do río Miño.
O circuíto da I Carreira Popular Campus Terra da USC, que partirá ás 11.30 horas do estadio de Atletismo Gregorio Pérez Rivera de Lugo, onde tamén estará fixada a meta, será sobre asfalto e terra e estará pechado ao acceso de vehículos, agás os autorizados pola organización. A competición desta carreira, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está estruturada en cinco categorías: Sub-20 (nados en 1999 e 2000), sub-23 (nados entre 1996 e 1998), sénior (nados en 1995 e ata 34 anos), máster A (de 35 a 47 anos) e máster B (de 48 anos en adiante).
A inscrición na I Carreira Popular Campus Terra da USC custa 5 euros e permanecerá aberta ata as 23.59 horas do 23 de novembro de 2017 e só poderá formalizarse a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo. Os dorsarios entregaranse ata unha hora do comezo da proba na zona habilitada pola organización nas instalación do Estadio Gregorio Pérez Rivera ou o día anterior da competición, de 16.00 a 20.00 horas, no edificio da Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC.
Todas as persoas que formalicen a súa inscrición nesta proba atlética recibirán como agasallo unha camiseta técnica. A organización establece premios para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da carreira absoluta. Haberá tamén trofeos para os tres primeiros corredores por categoría e sexo. Á marxe desta clasificación xenérica, a I Carreira Popular Campus Terra da USC constitúe tamén a terceira proba do campionato universitario galaico duriense, no que participan equipos das tres universidades galegas, así como das institucións académicas lusas de Porto, Tras Os Montes e Alto Douro e Universidade de Miño.
Dimensión solidaria
A I Carreira Popular Campus Terra da USC é unha cita deportiva de marcado selo universitario, pero tamén presenta unha clara orientación solidaria, como o proba o feito de que Federación Galega contra o Narcotráfico percibirá como doazón un euro de cada inscrición, ao tempo que se trata dunha iniciativa encamiñada a fomentar os hábitos saudables entre a comunidade universitaria, en particular, e no conxunto da sociedade en xeral.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, salientou na presentación desta cita deportiva que a I Carreira Popular Campus Terra da USC supón unha boa oportunidade para descubrir e dar a coñecer as instalacións e os centros docentes do campus universitario de Lugo, así como da cidade. Bueno tamén remarcou o agradecemento da institución académica a todas as entidades públicas, nomeadamente Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, así como ás empresas que, co seu patrocinio, contribúen ao desenvolvemento deste evento deportivo, e entre as que se atopan o Grupo Leche Río, Coca Cola Parner España e o Grupo El Progreso.
O acto de presentación da I Carreira Popular Campus Terra congregou este martes no edificio de Vicerreitorías da USC en Lugo ao concelleiro de Deportes do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez; o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando Alonso; o director do Servizo de Deportes da USC, Miguel Magán, así como a Jesús García, en representación do Grupo Leche Río, e María Troncoso, de Coca-Cola European Partners.