'Raíces', unha curtametraxe xurdida do traballo do grupo SEPA da USC que imaxina un futuro sustentable en comunidade
Ames, 2074. Anos despois da revolución climática, Biduído está repleto de árbores autóctonas. Escoitamos paxaros. Vemos varias placas solares nos tellados das casas, moitas delas tradicionais. A xente traballa ao lonxe nas hortas comunitarias... Así comeza a curta Raíces. Da utopía en diante, resultado do proxecto Do Desequilibrio aos soños compartidos, unha iniciativa do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC centrada na emerxencia climática que, a través dunha metodoloxía interxeracional, busca imaxinar un futuro sostible para inspirar os cambios que esixen os retos ambientais presentes.
Dende o ano 2021, co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e os Concellos de Ames, Padrón e Pontevedra, o proxecto desenvolveuse con grupos interxeracionais que traballaron na identificación das causas e consecuencias do cambio climático e a busca de alternativas. Un proceso que finalizou con tres intervencións artístico-teatrais nas que amosar futuros sustentables e desexables construídos polos propios grupos. A partir deses relatos utópicos, en marzo de 2024 o grupo de mulleres da parroquia amesá de Biduído comezou a elaboración do guión de Raíces, promovida polo grupo da USC xunto coas cooperativas Feitoría Verde e Illa Bufarda e a colaboración do grupo Chévere, unha peza ambientada nun Ames utópico de 2074 e protagonizada por un grupo de mulleres da parroquia de Biduído.
Foron elas quen decidiron as personaxes, as súas vidas e as historias que estarían presentes nun Ames utópico. Tamén son elas as protagonistas, xunto con moitos veciños e veciñas que participaron na rodaxe.
A curtametraxe, que conta, entre outros, co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e o Concello de Ames, ten como obxectivo amosar un futuro posible e desexable; un futuro esperanzador que, partindo da realidade cotiá dun grupo de mulleres, convide a imaxinar outra forma de facer e de relacionarse, entre nós e coa natureza.
A curta estréase este sábado 30 de novembro no Auditorio Municipal de Ames ás 20.00 horas para, ao remate, ter lugar un coloquio coas protagonistas. Con entrada de balde até completar a capacidade, logo da súa estrea a peza comezará a súa andaina por distintos festivais, así como a súa proxección noutros espazos comunitarios.