A exposición ‘Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África’ emprende agora a súa viaxe virtual
A exposición Cantantes Líricas Galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África, que ata o pasado 16 de novembro puido visitarse no Salón artesoado do Colexio de Fonseca, emprende agora unha viaxe virtual.
O obxectivo da mostra, comisariada polo profesor de Historia da Música da USC Javier Garbayo e a profesora da UNIR Mª del Carmen Lorenzo Vizcaíno, foi recuperar a memoria de 23 mulleres, todas elas grandes cantantes líricas galegas, a través dun formato atractivo baseado en paneis informativos ilustrados, organizados como un gran decorado teatral. Non faltou tampouco un apartado específico de actividades didácticas interactivas dixitais deseñadas por un equipo de especialistas en colaboración co Grupo de investigación TECNOEDUC e baixo a coordinación da profesora Laura Touriñán.
A exposición presencial nútrese agora da realidade virtual para estender o seu alcance posibilitando unha visita inmersiva grazas á colaboración co CESGA. Ao novo formato, que reproduce boa parte dos materiais da exposición, accédese dende un navegador web por medio de dispositivo móbil ou de sobremesa.
Dende hai varios anos, a Área de Elearning do CESGA deseña e experimenta con ferramentas de Realidade Aumentada e Realidade Virtual para o seu uso educativo, no marco de Proxectos Europeos de Innovación Educativa. Esta colaboración co CESGA permite ademais o acceso directo ao conxunto de actividades didácticas interactivas dende a propia visita virtual, cun amplo desplegue de recursos onde tamén se utiliza Intelixencia Artificial xenerativa. Deste xeito, a exposición dótase dun formato que permite “xogar” mergullando nos seus contidos, facéndoos máis accesibles e atractivos para o público novo.