Skip to main content

Formación externa

Ten consideración de formación externa aquelas accións formativas que, sen estaren incluídas no Plan de Formación de Persoal, están estritamente relacionadas coas funcións que desempeña o persoal da USC e que se consideran de interese, por redundaren en beneficio da súa formación para o posto de traballo, e que foran autorizadas pola Universidade.

Artigo 26 do Regulamento do Centro de Formación de Persoal

A USC pode favorecer a participación en actividades de formación externa do PTXAS e do PI, autorizando a asistencia na xornada de traballo ou financiando a actividade, sempre que se cumpran determinadas condicións e de acordo cos procedementos establecidos. 

1. Autorización para asistir a unha actividade de formación externa dentro da xornada de traballo
O solicitante deberá requirir a autorización á persoa responsable da unidade administrativa á cal pertenza a través da aplicación de rexistro horario, escollendo o tipo de solicitude: «ausencia autorizada» e tipo de ausencia: «asistencia a curso de formación».

2. Financiamento da actividade de formación externa
O Centro de Formación de Persoal (CFP) poderá asumir o financiamento cando nin el mesmo nin as unidades de gasto que consideren esta formación necesaria poidan atendela directamente, e sempre dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias. 

En calquera caso, non se financiará (art. 26.4 do Regulamento do CFP):

  • Os módulos, cursos, ou materias, conducentes á obtención de títulos académico de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
  • Os cursos dos mesmos idiomas que se impartan nos plans de formación da USC e no Centro de Linguas Modernas.
  • A asistencia a congresos, xornadas, seminarios ou actividades de análoga natureza.

3. Procedemento de solicitude de financiamento: 
3.1. Solicitude ao Centro de Formación de Persoal 
O solicitante deberá presentar unha solicitude xeral, como mínimo quince días antes do comezo da formación, a través da Sede Electrónica da USC co asunto «solicitude de financiamento de formación externa» e acompañada de:

  1. Un informe xustificativo que acredite a necesidade da formación para o correcto desempeño das funcións do posto ou para o desenvolvemento dun plan ou proxecto aprobado na USC, asinado pola persoa responsable do servizo ou unidade correspondente. Modelo dispoñible nesta ligazón da intranet do CFP.
  2. A información e datos completos sobre a actividade formativa: título da actividade, organismo convocador, obxectivos, programa (contidos, docentes, etc.), lugar, datas e horario de realización, importe da matrícula e outros gastos necesarios (transporte, aloxamento, manutención) de ser o caso. 

3.2. Decisión do Centro de Formación de Persoal
O CFP notificará, no prazo máximo de 15 días naturais desde a recepción da solicitude e sempre antes do comezo da formación, á persoa beneficiaria e á responsable da unidade á que estea adscrita, a autorización ou rexeitamento do financiamento.

A autorización dará lugar a que a asistencia á actividade formativa teña consideración de comisión de servizo con dereito a  indemnización e implicará:

  • O CFP adiantaralle á persoa solicitante o importe correspondente á matrícula ou inscrición na actividade.
  • Os custos dos medios de locomoción, aloxamento e manutención necesarios para asistir á formación serán indemnizados de acordo co Regulamento de Indemnizacións por razón do servizo da USC.

4. Obrigas das persoas beneficiarias no caso de que o CFP autorice o financiamento

  • Tramitar e pagar a inscrición e matrícula na actividade, cuxo importe lle será adiantado polo CFP.
  • Asistir á totalidade da acción formativa e, de ser o caso, realizar a proba final de aproveitamento. A non asistencia só será xustificada por causas de forza maior debidamente acreditadas. Se non está xustificada, poderá ser penalizada e suporá, en todo caso, a devolución íntegra dos importes recibidos da USC en concepto de matrícula ou inscrición, así como a perda do dereito ao aboamento dos demais gastos relacionados coa actividade formativa.
  • Achegar ao CFP, unha vez finalizada a acción formativa, os xustificantes de asistencia e o certificado de aptitude (de ser o caso).
  • Achegar as xustificacións dos gastos xerados, de cara ao reintegro das cantidades adiantadas (en caso de que as houbera).
  • Aplicar os coñecementos adquiridos na mellora do desempeño do traballo e facilitar a súa transferencia ao resto do persoal da unidade. 
The contents of this page were updated on 05.12.2025.