Skip to main content

Formación do Profesorado rememora a figura de Arximiro Rico, mestre republicano asasinado por “ensinar a ler a un pobo”

O estudantado durante a elaboración do mural
O estudantado durante a elaboración do mural
O profesor da USC no Campus de Lugo, Francisco Candia Durán, acolle na materia ‘Teoría e Historia da Educación Escolar’ accións pedagóxicas para promover a memoria histórica entre o estudantado universitario
Lugo

‘Historias por contar da vida dun mestre lucense republicano: Arximiro Rico Trabada (1905-1937)’ é unha acción pedagóxica orientada á recuperación da memoria deste mestre, natural do Concello de Baleira, asasinado en 1937 por “ensinar a ler a un pobo”. Así o explica o profesor da Facultade de Formación do Profesorado da USC no Campus de Lugo, Francisco Candia Durán, quen acolleu no marco da materia ‘Teoría e Historia da Educación Escolar’ esta actividade dirixida a estudantado de grao e centrada na recuperación da memoria histórica a través do percorrido polas  claves da vida deste docente e do seu tempo, alén de contar cunha intervención plástica e literaria para rememorar a súa figura.

“Trátase dunha actividade de recuperación e posta en valor da memoria histórica, neste caso centrándonos na figura do mestre galego republicano represaliado Arximiro Rico, natural dunha parroquia de Baleira, e salvaxemente torturado e asasinado nunha parroquia do concello de Castroverde”, sinala o profesor Candia. “Foi un home de conviccións democráticas e republicanas, un innovador en educación que defendía radicalmente a igualdade entre nenos e nenas”, engade.

Para trasladar a figura deste mestre entre o estudantado, a acción pedagóxica contou coa participación de Xavier Fernández, relator convidado, con ascendentes no Concello de Baleira, que leva un tempo intentando recuperar o edificio da antiga escola de San Bernabel (parroquia de Martín, concello de Baleira), onde deu clases Arximiro Rico, “aproveitando o poder de convocatoria e a admiración que na comarca aínda esperta a figura do mestre asasinado”, explica Francisco Candia. A actividade didáctica consistiu nunha introdución histórico-pedagóxica “pero moi emocional”, sobre a vida de Arximiro Rico, no seu momento histórico, pero traído ao presente. A seguir, e coa axuda da artista e bibliotecaria da USC, Lorena Paz, realizouse unha intervención literaria e plástica, da que dá conta un mural con siluetas realizado polo estudantado.

Arximiro Rico promoveu a Festa da Árbore e desenvolveu un intenso labor sociocultural que non se cinguía só ao eido da escola. Así, creou un coro, un grupo de teatro, ou mesmo unha biblioteca circulante. “Cando o mataron estudaba Medicina, ao tempo que daba clases de mañá, tarde e noite, pois preparaba bachareles e mestres por libre”, destaca Francisco Candia. “Era un home que compartía o seu saber para o desenvolvemento da súa comunidade e que axudaba os seus veciños: curaba persoas e animais, ofrecía consellos sobre cultivos e repoboacións forestais... En suma: o mestre total”, conclúe o profesor Candia. 
 

Arximiro Rico
Arximiro Rico
The contents of this page were updated on 12.03.2024.