Skip to main content

Ulises Moulines e Tomás Vives conversarán na USC sobre liberdade e ciencia no horizonte da cidadanía

Con motivo da investidura o 8 de xuño como doutores ‘honoris causa’ pola USC de Ulises Moulines, Tomás Vives e Mikhail Alexandrovich Braun, o Proxecto do Campus da Cidadanía da USC organiza a vindeira semana unha conversa científica cos dous primeiros co lema ‘A liberdade e os saberes científicos no horizonte da cidadanía’.

Será na mañá do martes 6 na Facultade de Dereito cando Moulines e Vives, catedráticos eméritos de Teoría da Ciencia da Universidade Ludwig Maximillians de Munich e de Dereito Penal da Universidade de Valencia, respectivamente, reflexionen acerca da liberdade e da actitude da cidadanía cara a ciencia dentro dun século.

Vives Antón
Tomás Salvador Vives Antón foi proposto para doutor honoris causa pola Facultade de Dereito, toda vez que garda unha estreita relación coa súa Área de Dereito Penal.

Vives Antón é un dos xuristas españois máis completo e brillante dos últimos anos. Foi fiscal, catedrático de dereito penal, maxistrado do contencioso-administrativo, letrado do Tribunal Constitucional, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial e maxistrado e vicepresidente do Tribunal Constitucional. As súas obras tiveron, e seguen a ter, un grande impacto xa que contribuíu á creación dunha xurisprudencia constitucional cinguida aos valores de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político, e a desenvolver, fortalecer e dar contido aos dereitos fundamentais.

Ulises Moulines
Pola súa banda, o nomeamento como honoris causa pola USC do catedrático Carlos Ulises Moulines susténtase no grande impacto da súa obra no ámbito de la Filosofía da Ciencia, sendo unha das figuras destacadas da corrente coñecida como ‘metateoría estruturalista’ aínda que tamén fixo achegas significativas á filosofía en xeral desde a orientación ‘analítica’, aquela que se ocupa pola elucidación conceptual dos problemas filosóficos.

Desde mediados dos anos 80 mantén unha estreita relación coa USC, que se materializou na participación en varias xornadas e congresos, como profesor visitante en dúas ocasións, a dirección de teses doutorais ou en revistas e publicacións. Tivo e ten ademais unha influencia significativa nas liñas de investigación de algún dos grupos da área de Lóxica e Filosofía da Ciencia da USC.

The contents of this page were updated on 06.02.2017.