Skip to main content

O Instituto Mixto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ aprobou a memoria de actividades de 2016

O Instituto Mixto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ aprobou a memoria de actividades de 2016
O Instituto Mixto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ aprobou a memoria de actividades de 2016

A Xunta de Goberno do Instituto Mixto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ (INCIFOR) reuniuse este luns en San Xerome para aprobar a memoria de actividades de 2016. Na xuntanza participaron o reitor Juan Viaño; o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; o decano da Facultade de Medicina, Juan Jesus Gestal; e a directora e a secretaria do instituto, Maria Victoria Lareu e Ana María Bermejo, respectivamente.

O INCIFOR creouse en 1992 aínda que leva traballando desde 1978. Na actualidade desenvolve funcións docentes e de investigación na área de Medicina Legal e Toxicoloxía así como de asesoramento á Administración de Xustiza.

O Instituto é unha referencia internacional no seu campo, tanto polo impacto científico do seu traballo de investigación como na resolución de casos criminais grazas á aplicación de técnicas novidosas en casos de difícil solución. Desde hai 25 anos colabora coa Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza na realización de probas de xenética e toxicoloxía forense.

Catro unidades
A estrutura do INCIFOR confórmana catro unidades. A de Unidade de Xenética Forense, na que a utilización das tecnoloxías máis avanzadas permite realizar probas biolóxicas de parentesco tales como de paternidade ou para casos de investigación criminal. Na actualidade lévanse a cabo análises moi específicas das que se beneficia directamente a xustiza, xa que non se poden facer en ningunha outra entidade nin pública nin privada polo que Galicia está á cabeza cos grupos más avanzados neste tipo de pericias.

Pola súa banda, o Servizo de Toxicoloxía Forense e das Adicións é o encargado de dar apoio ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) realizando as análises toxicolóxicas que os médicos forenses solicitan tanto para mostras postmortem como para suxeitos vivos.

A Unidade de Toxicoloxía Condutual esta composto por un equipo de expertos toxicólogos especializados na determinación analítica de sustancias psicoactivas cuxo efecto sobre o comportamento humano pode ter graves consecuencias, tanto para o propio individuo como para a sociedade. Os principais campos de aplicación deste servizo son o control de drogas no tráfico rodado e no ámbito laboral, o control da exposición a drogas intraútero, a confirmación analítica de intoxicacións agudas clínicas e o estudo de casos de sumisión química.

Por último, a Unidade de Clínica e Patoloxía Forense dedícase a desenvolver novos métodos e estratexias para a resolución de cuestións importantes de Patoloxía Forense –data, causa e etioloxía médico-legal da morte, identificación persoal) e de Clínica Forense (avaliación do dano corporal, violencia de parella) e realiza actividades de investigación en diversos temas de actualidade en ética aplicada á clínica. Outro dos obxectivos actuais do Servicio é a violencia contra a muller.

The contents of this page were updated on 06.05.2017.