Skip to main content

Proxectos de investigación

O IPSiUS logra o 100% de éxito na convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023

Logo da AEI
Logo da AEI
Serán financiados cinco proxectos, que acadan en total case 800.000€ e atenden liñas clave de investigación como o tabaquismo, o cancro e o deterioro cognitivo.

O Instituto de Psicoloxía da USC (IPSiUS) acadou un éxito total na convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023 ao conseguir financiamento dos cinco proxectos presentados. Cunha achega total de 773.400 euros, os proxectos executaranse nos próximos 3-4 anos e, ademais, dous de eles contarán con contratos predoutorais asociados.

As investigacións financiadas atenden retos prioritarios no ámbito da saúde e do comportamento humano, pero tamén aspectos relevantes da Psicoloxía Básica, aliñándose coas estratexias institucionais da USC. 

Os proxectos seleccionados son:

  • Avaliación da eficacia dun tratamento psicolóxico para deixar de fumar cunha app en función da intensidade do contacto terapéutico: ensaio controlado aleatorizado. IPs: Ana López Durán e Elisardo Becoña
  • Declive cognitivo asociado ao cancro: desenvolvemento dun test de cribado, caracterización neuropsicolóxica e con EEG, e rehabilitación cognitiva. IP: Diego Pinal Fernández
  • Morfosintaxe e emoción: diferenzas individuais en falantes plurilingües. IPs: Isabel Fraga Carou e Carlos Acuña
  • Factores persoais, cognitivos, condutuais e funcionais para a predición temperá do DCL e demencia dende declive cognitivo subxectivo (DCS e DCS+). IP: Arturo Pereiro Rozas
  • Marcadores neurofuncionais, neuroestruturais, xenéticos, somáticos e proteómicos para a predición do DCL e da demencia dende o declive cognitivo subxectivo (DCS e DCS+). IPs: Montserrat Zurrón e Fernando Díaz.

Este logro reforza o papel do IPSiUS na investigación psicolóxica, e permite combinar liñas consolidadas con novas iniciativas lideradas por xoves investigadores principais. Ademais, confirma o compromiso do instituto coa transferencia do coñecemento, o impacto social e a promoción de valores como a igualdade e a innovación tecnolóxica.

The contents of this page were updated on 12.19.2024.