Skip to main content

Claudio Rodríguez Fer presenta un volume coa poesía galega completa de José Ángel Valente en Ourense e Compostela

O director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, o profesor na Facultade de Humanidades do Campus Terra Claudio Rodríguez Fer, presentará a poesía completa en galego do citado poeta ourensán e universal, reunida enteira por primeira vez no volume Cántigas de alén en Ourense e Compostela. Trátase dun volume editado por Ouvirmos, que conta como introdución co ensaio ‘Valente, poeta universal en galego’, obra de Rodríguez Fer.

O director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC presentará esta tarde, ás 20.00 horas, este volume coa obra en galego de Valente no marco do Feira do Libro de Ourense. O venres 2 de xuño, Rodríguez Fer fará unha nova presentación desta obra, a partir das 19.30 horas, na compostelá Praza da Quintana, onde se atopa instalada unha carpa da Semana do Libro de Santiago de Compostela. O director da editorial Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea, acompañará a Rodríguez Fer nos dous actos.

Claudio Rodríguez Fer, amigo e estudoso de Valente, sobre quen publicou numerosos libros e edicións nas editoriais Taurus, Júcar, Axac e Galaxia Gutenberg, introducira xa todas as versións de Cántigas de alén publicadas en vida do autor por solicitude deste en versión galego-castelá (1987, 1989, 1996), galego-catalá (1989) e galego-francesa (1995). Mais na presente edición engadiu como novidades o poema "Na mar de Vigo", derradeiro escrito en galego polo poeta, e unha dedicatoria aos emigrantes galegos en Suíza.

The contents of this page were updated on 06.01.2017.