Skip to main content

O Campus Terra achega un novo enfoque para afrontar e resolver a problemática das anomalías esqueléticas do linguado senegalés

De esquerda a dereita, Quiroga, De Azevedo, Barreiro e Vázquez, na Facultade de Veterinaria da USC
De esquerda a dereita, Quiroga, De Azevedo, Barreiro e Vázquez, na Facultade de Veterinaria da USC
De Azevedo Gomes realiza na súa tese, dirixida por Mª Isabel Quiroga, Sonia Vázquez e Andrés Barreiro, un estudo exhaustivo dos problemas da columna vertebral do peixe

A investigadora da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC Ana Manuela de Azevedo Gomes achega na tese de doutoramento que vén de presentar baixo o título ‘Characterization of the vertebral anomalies in different phases of production of Senegalese sole (Solea senegalensis): stereoscopic, radiographic and histological approach’ un novo enfoque multidisciplinar para afrontar e dar solución á problemática que constitúen as anomalías esqueléticas que afectan o linguado senegalés ao longo do ciclo produtivo.

A investigación de doutoramento realizada por De Azevedo Gomes baixo a dirección dos profesores da Facultade de Veterinaria de Lugo Mª Isabel Quiroga Berdeal, Sonia Vázquez Rodríguez e Andrés Barreiro Lois achega unha nova visión respecto desta problemática. De feito, esta investigadora realizou no marco da súa tese un estudo exhaustivo das anomalías esqueléticas que afectaban á columna vertebral do linguado senegalés en diferentes etapas de cultivo e sometidos a distintas dietas. Para acadar os resultados máis precisos, na investigación integráronse metodoloxías de diagnóstico complementarias, desde o punto de vista macroscópico, estereoscópico, radiográfico e histolóxico. Este traballo destaca a importancia dun enfoque interdisciplinario para facer fronte a un problema multifactorial na acuicultura, que xa se ten convertido nun sector socieconómico moi importante da gandaría a nivel mundial e con gran proxección de futuro.

O linguado, en relación cos peixes planos, é unha das especies máis prometedoras na acuicultura española, xa que presenta un gran potencial produtivo e alcanza un elevado valor económico. Na actualidade, xa se logrou pechar o seu ciclo de produción grazas ao esforzo investigador e de desenvolvemento. O cultivo do linguado incrementouse considerablemente e Galicia é a rexión líder do mercado con preto de 518 toneladas producidas en 2014, un volume de produción que se agarda incrementar de xeito importante nos próximos anos.

As expectativas optimistas arredor da produción desta especies atopan, sen embargo, un dos principais pescozos de botella na alta incidencia de anomalías esqueléticas que presentan e cuxo estudo centrou a investigación de doutoramento realizada por De Azevedo Gomes. A incidencia que ocasionan as anomalías esqueléticas do linguado non é menor, xa que se trata dun problema que orixina serias perdas económicas no sector, sinala esta investigadora, quen explica que ademais de afectar o crecemento e ao benestar dos peixes, algunhas anomalías repercuten na súa morfoloxía externa, o que provoca rexeitamento por parte do consumidor.

A tese de doutoramento de Ana Manuela de Azevedo Gomes, que opta á Mención Internacional do título de Doutor, xurdiu dun proxecto desenvolvido en estreita colaboración entre os grupos de investigación de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) e de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria da Facultade de Veterinaria de Lugo e unha empresa de acuicultura.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar esta tese estivo formado por tres expertos de gran prestixio internacional no ámbito da acuicultura. O investigador do CCMAR e profesor auxiliar da Universidade do Algarve-Portugal Paulo Jorge Gavaia foi o encargado de presidir o xurado, do que Francesc Padrós Bover , técnico superior de investigación e profesor asociado da Universidade Autónoma de Barcelona, actuou como vogal, mentres que Mª Carmen Bouza Fernández, profesora de Xenética da USC no Campus Terra desenvolveu as funcións de secretaría. Os membros de tribunal acordaron por unanimidade outorgar á tese presentada por Ana Manuela de Azevedo Gomes a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

The contents of this page were updated on 06.06.2017.