Skip to main content

Os madrigais de Le nuove musiche de Caccini soarán nun concerto no Paraninfo

Magna Ferreira e Rafael Muñoz
Magna Ferreira e Rafael Muñoz

O cantante e compositor Giulio Caccini (1546-1618), autor de ‘Euridice’ -unha das primeiras óperas da historia da música occidental-, reuniu no tratado Le nuove musiche un conxunto de madrigais e arias escritas sobre poemas dalgúns dos poetas máis admirados polos humanistas, como Petrarca, Rinuccini e Guarini.

Estes madrigais soarán o martes 22 ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade no concerto Mirando o ceo que ofrecerán a soprano Magna Ferreira, a tiorba Rafael Muñoz e a actriz Lara Pouso. O recital é o terceiro do ciclo ‘Le nuove musiche. Música instrumental e vocal do século XVII’ que comezou en novembro.

Magna Ferreira A soprano intérprete é licenciada en Canto (ESMAE), mestra en Educación Musical na Universidade do Miño e en Advanced Vocal Ensemble Studies na Schola Cantorum Basiliensis. Foi membro do Estudio de Ópera da Casa da Música onde traballou con diversos cantantes e pianistas. Actualmente é doutoranda na Facultade de Historia e Xeografía da USC, docente e coordinadora do Curso de Música Antiga da ESMAE e directora artística e pedagóxica do Curso de Música Antiga en Agolada.

Integrou o equipo artístico da Área da Comunidade en Guimarães Capital da Cultura e foi directora do proxecto ‘Voces do Românico’, ademais de dirixir e gravar a estrea de diversas obras contemporáneas de compositores portugueses.

Rafael Muñoz Tras obter o título superior de Guitarra polo Real Conservatorio Superior de Madrid, o lugués Rafael Muñoz inicia os seus estudos na especialidade de Instrumentos de corda pulsada do Renacemento e do Barroco no Conservatorio Superior de Sevilla. Posteriormente trasládase a Alemaña para estudar con Rolf Lislevand no Instituto de Música Antiga da Musikhochschule de Trossingen, completando dous posgraos, en interpretación laudística e en música de cámara. No ano 2017 completa un mestrado en investigación musical.

Como intérprete desenvolve a súa actividade concertística en España e noutros países europeos, tocando diversos instrumentos como tiorba, vihuela, laúde renacentista, guitarra barroca e archilaúde. Traballou con grupos como Poema Harmonico, Armoniosi Concerti, Orquestra Barroca de Sevilla, Orquestra de Cámara Reina Sofía, Salzburger Bach Choir, Camerata Iberia, Os Músicos da súa Alteza ou A Reverencia. Co seu grupo A Bellemont publicou dous discos consagrados a Marin Marais (Brilliant Classics) e a François Couperin (Itinerant Records).

Lara Pouso A actriz Lara Pouso estuda na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Desde 2015 forma parte da compañía universitaria de teatro, onde participou nas producións teatrais, Cinzas, Cousas que trouxo a chuvia, Pasar por Nida e A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour, coas que ten presentado o seu traballo en diversas localidades galegas e festivais nacionais e internacionais de teatro. Tamén fixo parte da compañía GN Teatro, na produción teatral Cabaret Salomé.

The contents of this page were updated on 01.18.2019.