A Rede Española de Análise Xeométrica reúnese esta semana no CITMAga
O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) acolle este xoves 16 e o venres a xuntanza da Rede Española de Análise Xeométrica (REAG), unha iniciativa que pon o foco na análise xeométrica e nos problemas orixinais desta área que tamén están relacionados coa topoloxía, a análise matemática, a variable complexa ou a probabilidade, servindo como materiais de traballo e investigación transversais entre o persoal investigador matemático. O encontro inaugurárono o catedrático da USC e coordinador da REAG, Eduardo García Río, e a directora científica do CITMAga, Rosa M. Crujeiras.
A REAG, financiada polo Ministerio de Economía e Competitividade, creouse coa finalidade de facilitar o intercambio de ideas e a transferencia de coñecementos entre os grupos de investigación do ámbito estatal que teñen a análise xeométrica como liña común de estudo. Actualmente, a rede está composta por persoal investigador de máis dunha decena de universidades españolas que é coordinado dende a Universidade de Santiago de Compostela.
Entre as actividades da REAG atópase a organización de cursos avanzados e de doutoramento sobre temas de especial relevancia na análise xeométrica e a promoción do intercambio de profesorado e persoal investigador entre os membros da Rede. É precisamente neste último obxectivo no que se enmarca a reunión destes días en Compostela na que participan máis de 20 investigadores e investigadoras de distintas universidades tanto estatais como internacionais.
A Investigación xeométrica en Galicia
A investigación xeométrica en Galicia ten un importante recoñecemento tras unha continuada achega de destacados resultados de enorme calidade e unha presenza sólida e estable nas súas contribucións académicas ao longo dos anos. Neste sentido, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) asume nas liñas de actuación da súa axenda científica a investigación e capacitación do seu persoal investigador neste ámbito de estudo.
A reunión de persoal investigador que se desenvolve estes días en Santiago conta cun comité organizador formado por Miguel Brozos Vázquez, da UDC-CITMAga; José Carlos Díaz Ramos, USC-CITMAga; Miguel Domínguez Vázquez (USC-CITMAga) e o propio Eduardo García Río.