O equipo EUniWell da USC fai balance do primeiro ano de proxecto e define accións prioritarias
O equipo do consorcio europeo de universidades EUniWell na USC celebrou a semana pasada a súa primeira reunión trimestral do ano 2025 para facer balance do primeiro ano de proxecto EUniWell-WeFF e definir as accións prioritarias para os vindeiros meses. Durante a xuntanza, as persoas implicadas nos distintos paquetes e grupos de traballo de EUniWell e os representantes do Consello do Estudantado no EUniWell Students’ Board intercambiaron propostas e inquedanzas a fin de poder seguir mellorando as dinámicas de traballo no marco da alianza.
A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, destacou a importancia destes encontros periódicos pola “súa utilidade, como canle establecida e estruturada, para compartir información e intentar, entre todos, buscar solucións aos distintos retos”. A participación da USC en EUniWell debe entenderse como un “proxecto colectivo e en crecemento a nivel institucional”, polo que é fundamental “que todos os membros da comunidade universitaria que participan no proxecto estean ben conectados e comunicados”, explicou López Couso.
Coordinación
No marco do proxecto EUniWell-WeFF da alianza EUniWell, a USC coordina e lidera o Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables. Este paquete está coordinado polo profesor da EPSE e investigador do CiTIUS Juan Antonio Corrales (coordinador académico) en colaboración coa xestora de investigación Alma González Rodríguez.
Entre as actividades impulsadas por este Paquete de Traballo destaca o EUniWell Champions Scheme, un programa dirixido a persoal investigador sénior interesado en asumir un rol de liderado a curto prazo na promoción da misión do consorcio. A primeira convocatoria de Expresións de Interese do EUniWell Champions Scheme está aberta ata o 28 de febreiro ás 17:00 horas.