Skip to main content

Dous investigadores da USC gañan os premios María Luz Morales

Os investigadores do grupo ‘Comunicación audiovisual: contidos, formatos e tecnoloxía’ da USC Cibrán Tenreiro e Brais Romero gañaron a pasada semana dous dos premios María Luz Morales que promove a Academia Galega do Audiovisual co apoio das catro deputacións para recoñecer a investigación científica no ámbito audiovisual.

Brais Romero gañou o premio ao mellor vídeo ensaio galego con ‘Films From Galicia (?)’, no que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual galega. O investigador da USC recibiu ademais un accésit ao ensaio escrito con ‘O galego no cinema galego’ que remarca a responsabilidade institucional sobre o uso do idioma nas producións cinematográficas.

Pola súa banda, Cibrán Tenreiro gañou o premio ao mellor ensaio escrito galego con ‘ Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega’ polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no seu tratamento.

Os tres premios restantes recaeron noutros tres egresados da Facultade de Ciencias da Comunicación compostelá. Denisse Lozano mereceu o premio ao mellor vídeo ensaio internacional con ‘ A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento’ e Noelia Álvarez e Nazaré Estévez ao mellor ensaio escrito internacional por ‘Análise da representación da muller no cinema español da última década’.

Os premios María Luz Morales pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Nesta primeira edición recibiron 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos.

The contents of this page were updated on 06.14.2017.