Skip to main content

A USC celebra actos de graduación este sábado en sete facultades e escolas universitarias dos campus de Lugo e Compostela

ADE, Relacións Laborais e Farmacia despiden as novas promocións de grao en Santiago e Veterinaria, Formación do Profesorado e a EPS celebran actos de graduación en Lugo

A USC despide este sábado nos seus campus de Santiago de Compostela as novas promocións de titulados en Relacións Laborais e Recursos Humanos, Farmacia e Administración e Dirección de Empresas. Asemade, o campus de Lugo tamén acolle este sábado os actos de graduación da nova promoción de titulados en Veterinaria, así como dos futuros mestres e mestras que completaron os seus estudos na Facultade Formación do Profesorado, e dos graduados e graduadas en Enxeñaría Civil, Xeomática e Topografía, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria egresados da Escola Politécnica Superior no marco dunha xornada de marcado carácter académico.

Campus de Santiago
A promoción 2013-2017 do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos celebrará este sábado 10 o seu acto de graduación nunha sesión ás 18.00 horas no Hotel Oca Puerta del Camino que presidirá o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto J. López López.

A sesión principiará coa entrega do premio Javier Marañón patrocinado polo Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense e que nesta ocasión recaeu no alumno Yago Castro Díaz pola súa traxectoria, valores e o seu compromiso coa Facultade. Este premio toma o nome de quen fora o primeiro director deste centro dende a súa integración na Universidade e pretende recoñecer publicamente aqueles estudantes que, a xuízo dos seus compañeiros/as, profesorado e persoal de administración e servizos, deixaron ao seu paso polo centro unha pegada particular. Yago Castro recibirá o galardón de mans do vicepresidente 1º do Colexio Oficial, Alejandro Pérez Otero.

A intervención de Epifanía Trillo Penido e Iván Varela Fernández en representación do alumnado dará continuidade á sesión na que tamén tomarán a palabra a madriña e o padriño da promoción, Yolanda Maneiro e Carlos Javier Álvarez Fernández, respectivamente. O programa continuará coa imposición de becas ao alumnado que se gradúa e o discurso da decana desta Facultade Silvia Moscoso Ruibal.

ADE
Polo que respecta á promoción de Administración e Dirección de Empresas, o acto de graduación está previsto tamén para este sábado 10 a partir 17.00 horas na Cidade da Cultura presidido pola vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez. Na quenda de intervencións tomarán a palabra os padriños Francisco Botas, conselleiro delegado executivo de Abanca, e o profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Ángel Fernández, e a madriña, a tamén profesora deste centro, Maite Cancelo.

Farmacia
A terceira promoción do grao en Farmacia tamén celebrará este sábado o seu acto de graduación ás 18.00 horas no Palacio de Congresos e Exposición presidido pola vicerreitora de Investigación e Innovación Isabel Rodríguez-Moldes. Na mesa presidencial tamén está prevista a presenza da decana Isabel Sández Macho e unha representación dos colexios oficiais de farmacéuticos das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Actuarán como padriños desta promoción a profesora Mª de los Reyes Laguna Francia e Francisco Javier Otero Espinar. En representación da promoción falarán Anxa Valeiras Fernández, Tomás Pose Boirazian e María García Meléndez.

Ademais farase entrega de diplomas conmemorativos a aqueles/as profesionais que exerceron como titores das prácticas tituladas ao longo de cinco quendas, nesta ocasión a Ana María Hermida Cao, Elena López Montero, Pilar Martínez de la Riva Rico, Alicia Mosquera Torre, Pilar Rodríguez Cabado e Lucia Villamayor Blanco. Tamén se entregarán os diplomas acreditativos dos Premios Extraordinarios de Grao a Ana Castro Balado e Beatriz Esteban Cartelle e imporanse as becas aos novos/as graduados/as.

Campus de Lugo
O reitor da USC, Juan Viaño, presidirá ás 11.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, o acto de graduación da promoción 2012-2017 formada na Facultade de Veterinaria, no marco dunha sesión na que tamén participarán a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo e alumno da primeira promoción de egresados saídos do centro, Darío Campos. A vice decana de Calidade da Facultade de Veterinaria da USC, Patricia Fernández de Trocóniz; a delegada territorial de Medio Rural da Xunta de Galicia, Olga Iglesias; a presidenta do Colexio de Veterinarios de Lugo, Ana María López Pombo, e a profesora da USC Cristina Castillo, que actuará en calidade de madriña da promoción, completan a relación de relatores do acto.

A sesión comezará cun breve saúdo do reitor Juan Viaño, tralo que os estudantes Roxane e David presentarán e entregarán un agasallo á madriña da promoción, que logo dedicará unhas palabras aos 93 alumnos titulados. A entrega de becas e do Xuramento Médico Veterinario, un texto que lerá en voz alta Paula Otero Simón e que logo xurarán todos os egresados/as, precederá a intervención final das autoridades presentes nunha sesión, na que se agarda a presenza dun nutrido grupo de profesores do centro universitario lugués, ademais de familia e amizades dos novos titulados e tituladas.

Graos de Mestre en Educación Infantil e Educación Primaria
Os preto de 140 novos titulados e tituladas da cuarta promoción dos graos de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria que completaron a súa respectiva titulación da Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC entre 2013 e 2017, celebrarán este sábado, ás 18.00 horas, o acto de graduación no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

O reitor da USC, Juan Viaño, presidirá esta sesión, na que tamén intervirán o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás; a vicedecana do devandito centro universitario lugués, Carmen Díaz Rodríguez, así como a secretaria do centro, Mar Viña Rouco. Os profesores Pablo García Marín e Rubén Navarro Patón apadriñarán, respectivamente, aos 72 novos graduados/as en Mestre en Educación Infantil e aos 66 estudantes do grado de Mestre en Educación Primaria que veñen de completar a súa titulación.

A sesión tamén contará coas intervencións dos estudantes Carla Pérez Cabanas e Jesús Comuñas Seoane, en representación da promoción de grao de Mestre en Educación Infantil, así como de María Silvia de Alburquerque Fernandes e Iago Castro Martínez, como representantes estudantís do grao de Mestre en Educación Primaria. A proxección de imaxes destas promocións e a entrega de diplomas aos titulados/as e aos padriños de cada unha das promocións de grao servirá de colofón do acto.

Acto de graduación novas promocións de enxeñeiros/as formados na EPS
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presidirá este sábado, a partir das 17.30 horas, nas instalacións do hotel Torre de Núñez, o acto de graduación das novas promocións de enxeñeiros/as formados na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, unha sesión que congregará aos máis 60 titulados/as en Enxeñaría Civil, Xeomática e Topografía, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria que veñen de completar a súa respectiva formación de grao na EPS.

O subdirector de Organización Académica e profesor na Escola Politécnica Superior da USC Alberte Castro Ponte actuará como padriño dos novos titulados no grao en Enxeñaría Civil, mentres que a delegada territorial en Galicia do Colexio Oficial en Enxeñaría Xeomática e Topográfica e profesora no centro universitario lugués, María José Iniesto apadriñará a nova promoción de grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía. Os profesores Pablo Vila Lameiro e Martín Barrasa Rioja, en calidade de padriños das novas promocións dos graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, respectivamente, completarán a quenda de intervencións nesta sesión de graduación, na que tamén tomarán a palabra representes estudantís de cada un dos graos, así como o director da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta García.

The contents of this page were updated on 06.09.2017.