Unha tese desenvolvida na Facultade de Veterinaria do Campus Terra compara grupos xenéticos leiteiros acaídos para Arxentina
O enxeñeiro agrónomo arxentino e profesional do Instituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria (INTA) de Arxentina, Walter A. Mancuso, aborda na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC baixo o título ‘Avaliación e comparación de grupos xenéticos leiteiros nun sistema a pastoreo da comarca leiteira de Entre Ríos, Argentina’, un exhaustivo estudo sobre grupos xenéticos leiteiros, a fin de dar resposta aos gandeiros da provincia leiteira de Entre Ríos respecto de que cruce de vaca leiteira se adapta mellor as condicións de pastoreo e de manexo da zona.
A investigación de doutoramento realizada por Mancuso baixo a dirección das profesoras da a Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC Marta Miranda e Marta López Alonso, e do profesor da Universidade Nacional de Rosario, en Arxentina, Pablo Marini, responde de forma práctica a unha inquietude e necesidade dos gandeiros da comarca leiteira de Entre Ríos, e que, á súa vez, ten repercusión e extrapolación internacional para sistemas de granxas sostibles en base a pastoreo.
A tese que vén de presentar Walter A. Mancuso xurdiu dunha colaboración entre a USC coa Universidade Nacional de Rosario e o INTA de Arxentina. De feito, este investigador leva traballando desde hai anos na procura dunha raza leiteira adaptada ao medio dende que a raza frisona holando-arxentina, máis rústica, perdera peso a favor da raza Holstein americana ou canadense, máis propia dos sistemas intensivos.
No marco destas pescudas e para acadar resultados máis precisos, a investigación de doutoramento realizada por Walter A Mancuso presenta un enfoque multidisciplinar, a fin de poder dar resposta deste xeito a cuestións diversas, tanto produtivas e de calidade do leite, como reprodutivas, metabólicas ou económicas.
Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar esta tese estivo formado por tres expertos no ámbito da produción e medicina bovina. A xefa de proxectos do Departamento de I+D+I da empresa Imasde-Agroalimentaria S.L., Patricia Vázquez Chas foi a encargada de presidir o tribunal, do que tamén formou parte como vogal o director técnico de Africor Lugo, Ramiro Fouz Dopacio, e o profesor do Departamento de Patoloxía Animal da USC na Facultade de Veterinaria do Campus Terra Víctor Pereira Lestayo. Os membros do tribunal acordaron por unanimidade outorgar á tese presentada por Walter A. Mancuso a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.