Skip to main content

Arranca a Olimpíada Solidaria, que trocará horas de estudo por euros para axuda humanitaria en Malí

Estudantes na biblioteca de Matemáticas. Foto: Santi Alvite
Estudantes na biblioteca de Matemáticas. Foto: Santi Alvite
O estudantado pode rexistrar as horas que invista nas bibliotecas da USC a través dun código QR situado na entrada do centro que permitirá doar 1 euro por hora de estudo

A vixésimo primeira edición da Olimpíada Solidaria de Estudo bota a andar este sábado 15 de febreiro coa participación da USC, de xeito que o estudantado poderá rexistrar as horas que invista na biblioteca e trocalas por euros para un proxecto humanitario. A iniciativa esténdese ata o 15 de marzo. 

Nesta edición, por cada hora de estudo rexistrada doarase 1 euro para apoiar 250 mulleres rurais de catro aldeas da Comuna de Mandei (Malí) que buscan un futuro mellor para as súas nenas e nenos, con especial atención ao acceso a educación e unha alimentación saudable. O proxecto inclúe unha granxa piloto situada entre as aldeas de Samale e Samanyana. 

En concreto, no Campus de Santiago participan as bibliotecas Concepción Arenal, Xeral, Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Enfermaría, Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química, e Xeografía e Historia. En Lugo involucráronse na Olimpíada Solidaria a Biblioteca Intercentros e as de Formación do Profesorado e Veterinaria. 

Na última edición houbo unha participación de 1.875 estudantes e unha recadación de 6.368 €/horas destinadas á formación de profesionais na saúde mental para o restablecemento psicolóxico das mulleres, nenas e nenos superviventes, vítimas dos conflitos bélicos da provincia de Kivu Sur, na República Democrática do Congo.
 

The contents of this page were updated on 02.14.2025.