Skip to main content

O Laboratorio de Radon de Galicia recibe tres premios de investigación

Membros do Laboratorio de Radon de Galicia que dirixe o profesor da USC Juan Miguel Barros Dios recibiron recentemente tres premios pola súa actividade de investigación. O laboratorio conta con 25 anos de experiencia na medición de radon interior e elaborou o mapa de radon de Galicia.

Un deses recoñecementos foi para María Torres, neumóloga do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, pola presentación do traballo ‘Exposición a radon residencial e risco de cancro de pulmón de célula pequena. Resultados preliminares do estudo SMALL CELL’. O premio foi á mellor comunicación na Área de Enfermidades Respiratorias de orixe ambiental da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR).

Asemade, a residente de Oncoloxía Ángeles Rodríguez Martínez, doutoranda do grupo de investigación, recibiu o terceiro premio na categoría do mellor artigo publicado do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra polo traballo ‘Cáncer de pulmón microcítico. Metodología y resultados preliminares del estudio SMALL CELL’.

Ambos os dous dous premios enmárcanse nun proxecto de investigación no que participan 11 hospitais de catro comunidades autónomas e Portugal, baseado no estudo dos factores de risco do cancro de pulmón de célula pequena, un dos tumores pulmonares máis agresivos. O estudo, dirixido polo profesor da USC Alberto Ruano Raviña, é financiado polo Instituto de Saúde Carlos III.

Finalmente, o Laboratorio tamén acaba de ser premiado pola Sociedad Castellano-Leonesa y Cántabra de Patología Respiratoria (SOCALPAR) polo proxecto de investigación ‘Exposición al radón residencial y riesgo de cáncer de pulmón. Estudio de casos y controles en la Comunidad de Castilla y León’. A investigadora principal do proxecto é a doutora Magdalena Serradilla, neumóloga do Hospital de Ávila.

The contents of this page were updated on 06.19.2017.