Skip to main content

Concerto do Coro Gaos na Igrexa da Universidade

Coro Gaos
Coro Gaos

As 55 voces do Coro Gaos soarán este sábado 17 nun concerto na Igrexa da Universidade no que actuarán dirixidas por Fernando Briones. O recital, ás 20.00 horas con entrada libre, contempla un repertorio moi variado con pezas de E. Ensenvalds, J. Mäntyjärvi, E. Whitacre, J. Elberdin, L. Jansson, J. Gavito, C. Monteverdi, T. L. Victoria, Bach e Sandberg.

O Coro Gaos nace en outubro de 2010 como continuación do proxecto da Orquestra Gaos. A súa actividade repártese entre o repertorio “a capella” e a música sinfónico-coral, con un especial énfase na ópera.

Traballou en producións con importantes batutas e voces, entre os que destacan os directores de orquestra Gómez Martínez, Ramón Tébar ou Keri-Lynn Wilson e de escena como Mario Pontiggia e Alfonso Romero ou cantantes como Celso Albelo, Gregory Kunde, Juan Jesús Rodríguez e Marianne Cornetti. Así mesmo, en 2015 comezou a súa colaboración cos Amigos da Ópera de Vigo e de Santiago participando nas súas respectivas temporadas e produccións.

En 2011 e 2012 participa no I e II Ciclo de Catedrais coa Misa de Réquiem de W. A. Mozart e a Messa di Gloria de G. Puccini xunto á Orquestra Gaos con motivo da celebración do 800 aniversario da Catedral de Santiago de Compostela.

En 2014 celebra o V aniversario da Orquestra Gaos coa interpretación da Novena Sinfonía de Beethoven e a realización dunha xira por Cataluña. Ese ano obtivo o Primeiro Premio no XIII Concurso Nacional de Corais “Antonio José” en Burgos e máis recentemente o Segundo Premio no XXXII Certame Coral Internacional “Villa de Avilés” e o mesmo no XLV Certame Coral de Ejea de los Caballeros.

En setembro de 2015 pon en marcha un novo proxecto, os minigaos, dous coros infantís cos que inculcar desde a base a paixón pola música e o canto coral no que xa están implicados máis de 55 nenos con idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos.

Fernando Briones, director
Comeza os seus estudos musicais no Conservatorio Superior de Música da Coruña con Rodolfo García Alonso, onde obtén o Título Superior de Guitarra. Estuda composición co catedrático sevillano Jose Mª Benavente, piano con Xavi Barbeta e Dirección de Orquestra na ESMUC cos Mestres Lutz Köhler e Salvador Brotons. Completou os seus estudos de dirección coral con Maite Oca, Juan Luis Martínez, Josep Ramón Gil-Tárrega, Lluís Vila Casañas, Elisenda Carrasco, Javi Busto, Laslo Heltay ou Martin Schmidt, e de dirección de orquestra con Salvador Mas e Jörg Bierhance no Konservatorium Wien University, Donato Renzetti e Dario Lucantoni na Accademia Musicale Pescarese.

É director titular da Orquestra e Coro Gaos desde a súa creación, coa que desenvolve unha intensa actividade concertística, acompañando a un gran número de solistas entre os cales destacan Cristina Gallardo-Dômas, Ainhoa Arteta, Borja Quiza, Celso Albelo, Mariola Cantarero, Juan Jesús Rodríguez ou Francisco Corujo.

En 2014 dirixe a estrea mundial de dúas obras do compositor Simón García no marco do Festival Internacional BASS201 4 celebrado en Amsterdam. Dirixe a Taipei Philharmonic Orchestra e a Taipei Chinese Orchestra, no marco do 2015 TCO International Conducting Competition celebrado en Taipei (Taiwan) e é seleccionado polo mestre Jorna Panula para participar nas Nordicmasterclass 2017 de Dinamarca entre directores de todo o mundo.

Forma parte do proxecto coral da Orquestra Sinfónica de Galicia desde os seus comezos dirixindo, entre outros, o Coro Novo co que consegue varios premios en diferentes concursos nacionais, e actualmente compaxina a súa actividade coa docencia no Conservatorio Superior de Música da Coruña así como a de pianista repertorista do barítono Borja Quiza.

The contents of this page were updated on 06.16.2017.