Skip to main content

Veterinaria aborda nun foro estival en xuño a historia e o futuro da raza bovina galega e a súa produción cárnica

Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC
Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC

‘100 anos da raza bovina galega. Pasado, presente e futuro da produción cárnica en Galicia’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán 2017 da USC que se celebrará do 28 ao 30 de xuño na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC.

Estruturado en 24 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas na temática, este programa formativo e de divulgación, está dirixido polo profesor do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC na Facultade de Veterinaria José Manuel Cifuentes Martínez.

A finalidade deste programa de formación estival da USC pasa destacar a importancia que o gando vacún, en especial a raza rubia galega, ten para a cultura, a sociedade e a economía galega: pasado, importancia da gandería na historia de Galicia; presente, plan de mellora da raza e situación do sector; futuro, liñas de investigación ao redor da raza rubia galega.

Os distintos relatorios e sesións expositivas incluídas neste seminario estival abranguen unha ampla temática que vai desde a gandería no mundo romano, o valor do gando, a invención da raza, aproveitamento do territorio, competencia e comercialización ou mesmo valores nutricionais da carne de tenreira.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 16 de xuño.

The contents of this page were updated on 05.30.2017.