Skip to main content

A exposición ‘Orixe’ explora en 50 fotografías as evocacións da infancia

Detalle da mostra Orixes. Foto: Alumn@s de Xornalismo
Detalle da mostra Orixes. Foto: Alumn@s de Xornalismo

Unha creación para poñer punto e final a catro anos de experiencia universitaria. Esa foi unha das claves da presentación de ‘Orixe’, unha exposición fotográfica na que alumnado de cuarto de Xornalismo da USC plasmou os seus recordos de infancia. Na mostra, inaugurada este venres na Facultade de Ciencias da Comunicación, a persoa que a visita atoparase coa evocación da infancia retratada nunhas porterías de fútbol, nesas bonecas coas que se xogaba de pequeno ou coa actualización da foto que ocupa un lugar destacado nos estantes da casa e que inmortaliza un momento do pasado.

Esta exhibición, enmarcada dentro das prácticas da materia Fotografía Contemporánea, divídese en tres ópticas distintas para coñecer os comezos persoais do alumnado. Un espazo está dedicado a recrear unha fotografía de pequeno, volvendo ao mesmo lugar onde se tomou a instantánea. Unha segunda parte céntrase nos obxectos que máis marcaron a esas persoas: dende un libro ata un xoguete. Por último, a terceira das divisións desta exposición inmortaliza ese lugar que tantos recordos trae dos primeiros anos de vida, como a casa dos avós ou a praia.

Na presentación estiveron presentes, ademais dos propios alumnos, o profesor da materia Andrés Fraga e as representantes do Grupo de Estudos Audiovisuais, Margarita Ledo e Marta Pérez. Os propios autores das imaxes destacaron a importancia deste proxecto, que “fai botar a vista atrás e rememorar eses lugares ou obxectos, que cambiaran ou non, son verdadeiramente importantes para nós”. Pola súa parte, Margarita Ledo remarcou a importancia deste tipo de proxectos, engadindo que esta exposición, ao igual que a de anos anteriores, serán editadas nun libro. Por último, o profesor da materia Andrés Fraga, incidiu na importancia de patrocinadores “como Panasonic, que permiten que estas ideas saian adiante”.

Este proxecto, que consta de 50 fotografías que poden ser visualizadas en tres espazos da singular estrutura da Facultade de Ciencias da Comunicación, estará dispoñible ata mediados de outubro e é completamente de balde.

A mostra poderase visitarse en Ciencias da Comunicación ata mediados de outubro. Foto: Servimav-USC Detalle da mostra Orixes. Foto: Alumn@s de Xornalismo Detalle da mostra Orixes. Foto: Alumn@s de Xornalismo

The contents of this page were updated on 05.26.2017.