Skip to main content

A Escola Politécnica Superior celebra o seu cincuentenario e os 50 anos de Enxeñaría Agrícola en Galicia pola festa de San Cidre

O reitor Juan Viaño presidirá este luns, ás 12.00 horas, no salón de actos da EPS, o acto conmemorativo da efeméride, no que tamén participará a conselleira de Medio Rural

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC celebrará este luns 15 de maio o cincuentenario das orixes deste centro universitario, así como o cumprimento do primeiro medio de século da implantación dos estudos universitarios de Enxeñaría Agrícola en Galicia, unha dobre efeméride á que se suma a festividade de San Cidre, patrón dos enxeñeiros agrícolas e agrónomos.

O reitor da USC, Juan Viaño Rey, presidirá o acto conmemorativo deste efeméride, que se desenvolverá no salón de actos da EPS a partir das 12.00 horas, unha sesión na que participarán alumnos e docentes da primeira promoción e enxeñeiros/as agrícolas formados en Lugo, ademais de diversas autoridades académicas e políticas, entre as que cómpre citar a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón.

O presidente da Interprofesional Láctea (InLac), José Armando Tellado, ofrecerá no marco desta sesión un relatorio baixo o título ‘O futuro da industria alimentaria nun mercado global: o caso do sector lácteo’. O director da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta García; Julio Ulloa Vence, en representación do profesorado da primeira promoción da Escola de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, e Inés Vázquez Fernández, en calidade de voceira das primeiras promocións de de alumnado do referido centro, tamén intervirán como relatores nesta sesión.

The contents of this page were updated on 05.12.2017.