Un estudo liderado polo grupo de Física Non Lineal explica a causa dos mareos e vertixes que poden xurdir por mor das resonancias

A resonancia magnética de alto campo é unha poderosa ferramenta de diagnóstico pero, nalgúns casos, pode inducir efectos fisiolóxicos non desexados, como vertixe ou mareos. Para explicar que sucede ante esta proba que pode comprometer a comodidade das persoas pacientes, o grupo de investigación de Física Non Lineal da USC liderou o deseño dun modelo matemático que evidencia como a clave destes efectos adversos atópase na estimulación do sistema vestibular que se sitúa no oído interno.
A hipótese de partida emerxe da forza de Lorentz, que xorde da interacción entre o campo magnético estático da resonancia e as correntes eléctricas no oído interno. Con todo, esta premisa non lograba explicar completamente os patróns de movemento ocular observados en persoas adultas sas. O estudo titulado ‘Modeling of magnetic vestibular stimulation experienced during high-field clinical MRI’ explora estes efectos e proba se a hipótese da forza de Lorentz explica adecuadamente a estimulación vestibular magnética. Así, a validación experimental implicou medir os movementos oculares de fase lenta (horizontais, verticais e torsionais) en suxeitos sans expostos a diferentes intensidades de campos magnéticos e posicións da cabeza.
O estudo asinado por Ismael Arán Tapia, Vicente Pérez Muñuzuri e Alberto P. Muñuzuri da USC, Andrés Soto Varela do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), Jorge Otero Millán da University of California, e Dale C. Roberts e Bryan K. Ward da Johns Hopkins University School of Medicine, apoia empiricamente a hipótese da forza de Lorentz como unha explicación válida para a estimulación vestibular magnética, ofrecendo novos coñecementos sobre os efectos da resonancia magnética de alto campo no sistema vestibular. Estes achados proporcionan unha base para futuras investigacións e mellores prácticas clínicas. En concreto, os resultados indican que a estimulación inducida pola forza de Lorentz explica a variabilidade nos movementos oculares a través de diferentes intensidades de campos magnéticos e orientacións da cabeza.
“Crear máquinas máis potentes”
Tal e como explican dende o equipo investigador, “dentro do oído existe un fluído que ten unhas propiedades especiais que fan que sexa sensible ao campo magnético”. Cando nos sometemos a unha imaxe de resonancia, “o campo magnético despraza este fluído provocando unha resposta que non concorda coa realidade”. Nas máquinas que se empregan hoxe en día “non é algo prexudicial”, subliñan, “pero o obxectivo é crear máquinas máis potentes” que permitan obter unha mellor calidade na imaxe. “Pola nosa banda, o que pretendemos é que podamos utilizalas no futuro dunha maneira segura”, engaden os autores da investigación publicada en Communications Medicine.
Isto é precisamente o que están a desenvolver diversas empresas internacionais, moitas delas en Estados Unidos, onde xa se utilizan máquinas de resonancia máis avanzadas. O grupo de investigación da USC estableceu unha estreita colaboración coa Universidade de Johns Hopkins, en Baltimore, cuxa facultade de medicina e hospital gozan de amplo recoñecemento internacional no ámbito médico. Grazas a esta alianza internacional, logrouse validar experimentalmente a capacidade do modelo matemático para explicar o que sucede ao expoñerse a máquinas de resonancia de alto campo magnético. Espérase que, nos próximos anos, esta investigación dea froitos tanto na prevención destes efectos como no desenvolvemento de novas terapias vestibulares.