Skip to main content

A paisaxe e a ordenación do territorio, a debate nun foro na Escola Politécnica Superior do Campus Terra

Relatores e público no foro sobre paisaxismo e ordenación do territorio celebrado na Escola Politécnica Superior
Relatores e público no foro sobre paisaxismo e ordenación do territorio celebrado na Escola Politécnica Superior

O paisaxismo e a ordenación do territorio constitúen dous dos asuntos que abordaron os relatores convidados a participar este venres na terceira sesión do ciclo de conferencias forestais organizado pola Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC e que estivo conducido polo enxeñeiro agrónomo e profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Manuel F. Marey.

O director do departamento técnico do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, Alfredo Pérez Ríos, abriu a quenda de relatorios cunha intervención na que trasladou ao público presente algunhas das directrices xa aplicadas e outras iniciativas postas en marcha pola Administración autonómica neste eido. De seguido, o xerente da empresa afincada na capital luguesa Indesnor (Enxeñaría e Desenvolvementos do Norte), Santiago Mesías Míguez, explicou ante o alumnado presente a actividade que desenvolve a súa empresa, que traballa con datos e información recollida, en ocasións, a través do manexo e emprego de drons.

O investigador do Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC, Miguel Cordero, pechou a quenda de intervencións neste foro cunha exposición respecto dos diferentes cometidos profesionais que pode desenvolver un enxeñeiro de Montes, a partir de diversos proxectos de investigación realizados no LaboraTe da USC.

Antes de abrir o coloquio co público presente, Cordero sinalou a dobre polarización demográfica e produtiva como dúas das causas que dificultan unha ordenación do territorio máis sustentable, xa que a xente tende a concentrase en determinadas áreas mentres que outras quedan despoboadas. Do mesmo xeito, hai zonas de cultivo de produción intensiva e outras terras pouco menos que abandonadas.

The contents of this page were updated on 05.12.2017.