Skip to main content

O Aquae Talent Hub reuniu en Ciencias Económicas a centos de persoas interesadas na creatividade e a innovación

Centos de persoas se sumaron a esta iniciativa que conxuga creatividade e innovación. Foto: Servimav-USC
Centos de persoas se sumaron a esta iniciativa que conxuga creatividade e innovación. Foto: Servimav-USC

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acolleu este venres o evento gratuíto ‘ Aquae Talent Hub’ (Paixón polo Talento), un encontro para afondar no mundo da innovación e os procesos creativos que organiza a Fundación AQUA e que, en Santiago, contou coa colaboración da USC e Viaqua. A sesión de apertura e ao posterior desenvolvemento asistiron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e a decana da Facultade, Emilia Vázquez Rozas.

O Aquae Talent Hub desenvólvese nunha soa xornada en torno a un obradoiro e unha clase maxistral a cargo de especialistas en innovación e emprendemento. Nesta ocasión foron Cecilia Tham, recoñecida activista da innovación fundadora do centro de coworking Makers of Barcelona, e Irene Lapuente, fundadora da empresa La Mandarina de Newton dedicada ao fomento da creatividade.

Nos obradoiros empréganse ferramentas propias do Design Thinking, cos que exercitar e pór en práctica metodoloxías para formular de forma innovadora resolucións de problemas que satisfagan as necesidades das persoas. Xa nas clases maxistrais compártense casos prácticos de éxito. O evento está dirixido a todas aquelas persoas que teñan interese por aprender sobre innovación, compartir os seus coñecementos con outras persoas e a comunidade virtual, ademais de ampliar a súa rede de contactos.

Este evento de innovación chega a Compostela logo de ter lugar en Elche, Murcia e Málaga, e despois da capital galega viaxará a outros catro puntos da xeografía española, con outras temáticas e persoal experto.

Irene Lapuente nun momento da súa intervención. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 05.12.2017.