O volume Corpus Linguistics on the Move gaña o Premio de investigación AESLA
Os docentes do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC María José López Couso, Belén Méndez Naya, Paloma Núñez Pertejo e Ignacio M. Palacios Martínez acaban de recibir o prestixioso premio de investigación que outorga a Asociación Española de Lingüística Aplicada (AESLA) polo volume Corpus linguistics on the move: Exploring and understanding English through corpora (2016). A concesión do premio anunciouse durante a asemblea de socios no XXXV Congreso AESLA, celebrada recentemente na Universidade de Xaén.
Os editores do volume pertencen a dous dos máis consolidados grupos de investigación da área de Filoloxía Inglesa. Así, as profesoras López Couso, Méndez Naya e Núñez Pertejo forman parte de ‘ Variation, Linguistic Change and Grammaticalization’ e Ignacio Palacios é o investigador principal de ‘ SPERTUS(Spoken English Research Team at the University of Santiago de Compostela)’.
Participación internacional
O volume, publicado na colección Language and Computers da editorial Brill/Rodopi (Leiden & Boston), contén catorce capítulos de recoñecidos especialistas internacionais en lingüística de corpus, precedidos dunha introdución na que os editores fan un breve repaso da historia da lingüística de corpus, dan conta das máis recentes innovacións producidas neste ámbito da lingüística inglesa e abordan os novos retos cos que se enfronta a lingüística de corpus na actualidade.
A primeira parte do volume (Issues in corpus compilation) reúne as contribucións de Anita Auer, Moragh Gordon e Mike Olson (University of Lausanne e Utrecht University), Martti Mäkinen e Turo Hiltunen (Hanken School of Economics e University of Helsinki) e Mikko Laitinen (University of Eastern Finland) sobre a compilación e anotación de corpus computarizados que abren camiños ata o de agora inexplorados para o estudo da dialectoloxía e a sociolingüística históricas ou a análise da lingua inglesa no contexto da globalización.
Nomes de recoñecido prestixio como Pieter de Haan (Radboud University, Nijmegen), Hilde Hasselgård (University of Oslo), Turo Hiltunen (University of Helsinki) e Antoinette Renouf (Birmingham City University) presentan as súas investigacións máis recentes sobre os rexistros académico e xornalístico na segunda parte do libro, titulada Investigating register variation through corpora. A terceira, Corpora and grammar: Examining grammatical variation in space, refírese ao estudo da variación gramatical en diversas variedades internacionais do inglés, tales como o surafricano, o de Hong Kong, o inglés ou o británico, da man dos traballos de Johan Elsness (University of Oslo), Eduardo Coto-Villalibre (USC), Marianne Hundt (University of Zurich) e Jill Bowie e Bas Aarts (University College London).
O volume pecha coa sección titulada Corpus insights into the pragmatics of spoken English e os capítulos Beatriz Mato-Míguez (USC), Bianca Widlitzki e Magnus Huber (Justus Liebig University, Giessen) e Siân Alsop (Coventry University), nos que os autores exploran distintos aspectos da pragmática da lingua oral mediante a aplicación de recursos e metodoloxías innovadores.