Skip to main content

O Servizo de Deportes organiza unha ruta especial ás fervenzas de Augacaída

Detalle da fervenza de Augacaída
Detalle da fervenza de Augacaída
Coincidindo coa conmemoración de San Tomé de Aquino

O Servizo de Deportes da USC organizará o luns 28, coincidindo coa conmemoración de Santo Tomé de Aquino, unha ruta especial á fervenza de Augacaída e a posterior visita ao Ecomuseo de Arxeriz. A inscrición nesta ruta pode realizarse ata o próximo domingo 27 ás 14.00 horas a través da web do Servizo.

Cunha lonxitude aproximada de 10 quilómetros, tanto a dificultade como o desnivel da ruta son de grao medio. O punto de arranque estará nas Areas, no concello de Pantón. Dende aí descenderase ata Marce, onde se atopan os restos da Torre de Marce, fortaleza que tivo a súa importancia na idade media; a curiosa Torre do Reloxo, construída polos emigrantes a mediados do século XX; e a pequena capela de San Marcos, cun singular retablo.

A ruta segue descendendo ata chegar ao desvío á fervenza por un tramo curto pero de desnivel intenso. Logo de visitar a fervenza o grupo ascenderá ata o castro de Marce, considerado entre os lugares máis fermosos da Ribeira Sacra. O percorrido volverá a Marce e ao punto de partida.

Xa pola tarde, está previsto que o grupo se desprace ata Arxeriz, no concello do Saviñao, para visitar o seu Ecomuseo, cunha instalación organizada en torno a un pazo do século XVII onde se dispoñen as salas divulgativas e expositivas.

The contents of this page were updated on 01.25.2019.