Skip to main content

Un estudo pon en valor o papel de Benigno Ledo, o ‘Cura das Abellas’, na modernización da apicultura en Galicia

Benigno Ledo nunha das súas clases. FOTO: RAG
Benigno Ledo nunha das súas clases. FOTO: RAG
A investigación realizada polo profesor da Facultade de ADE, Damián Copena, e pola profesora da Universidade de Oviedo, María Gómez Martín, aborda como o papel do relixioso foi clave na expansión das colmeas de cadros móbiles
Lugo

A apicultura en Galicia experimentou un importante proceso de modernización nas primeiras décadas do século XX, un proceso no que Benigno Ledo, popularmente coñecido como o ‘Cura das abellas’, tivo un papel destacado. Dende a década de 1880, coa introdución da primeira colmea mobilista, este relixioso convértese en protagonista, a través dunha longa e diversa serie de iniciativas, do impulso para a transformación do modelo apícola e a divulgación e expansión das técnicas modernas vinculadas coas colmeas de cadros móbiles. Agora, un estudo publicado na revista Cuadernos de Estudios Gallegos pon en valor a figura de Benigno Ledo e aborda o proceso de modernización da apicultura galega seguindo os seus pasos.

A investigación realizada polo profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC, Damián Copena, e pola profesora da Universidade de Oviedo, María Gómez Martín, profunda en como Ledo participou en diversas accións como a colaboración en múltiples cabeceiras de prensa, a realización de conferencias ou a innovación tecnolóxica en colmeas e utensilios apícolas, nalgúns casos a través de patentes. Con todo, dentro da longa traxectoria de actuacións vinculadas coa modernización da apicultura en Galicia nas que participa, destaca a súa designación, por parte da Deputación de Lugo, como profesor provincial de apicultura. Así, desde o ano 1927 e ata 1948, Ledo desenvolve unha ampla e variada gama de iniciativas vinculadas coa propagación e fortalecemento do mobilismo. 

Deste modo, Ledo convértese en profesor de apicultura en centros de ensinanza de Lugo, instala varios apiarios tanto na cidade como en diferentes puntos da provincia, realiza conferencias en municipios e sindicatos e tamén publica materiais formativos específicos, sendo destacable o seu ‘Cursillo práctico de Apicultura’, que se converte nunha obra de referencia no ámbito galego. “As tarefas realizadas dende a Deputación posibilitan o incremento do número de colmeas mobilistas na provincia e a expansión das prácticas modernas”, explican os profesores Copena e Gómez. Estas actuacións a prol da apicultura moderna “continuarán nas seguintes décadas grazas ao alumnado e aos discípulos do profesor de apicultura”, engaden.

Sistema alternativo

Tal e como se desprende do estudo, Benigno Ledo consideraba necesario cambiar o modelo fixista predominante en Galicia, polo mobilista, sistema alternativo que agroma desde mediados do século XIX a partir dunha serie de descubrimentos científicos que permiten unha maior interacción das persoas que se dedican á aplicultura nas colmeas e un incremento da intensificación e das producións obtidas. De feito, Ledo produce innovacións no sector apícola a partir da creación de tres modelos de colmeas mobilistas: a Ledo-Argozón, a Vivero e a Avión, ademais de crear melloras relevantes en varios utensilios do oficio apícola. 

O estudo sinala que a apicultura formaba parte das economías de subsistencia nas áreas rurais, sendo unha actividade sumamente relevante tal e como mostra a existencia de máis de 366.000 colmeas a mediados do século XVIII, “aproximadamente tres veces máis das que hai censadas na actualidade”, salienta o artigo. 

A actividade apícola galega tradicional fixista —cuxa denominación deriva de que os favos creados polas abellas non se poden mover—, contaba cunha escasa dedicación temporal. Así, segundo explica a investigación, a apicultura en Galicia foi historicamente unha actividade ligada ás economías familiares de subsistencia e con manexos pouco intensivos. A apicultura en Galicia mantívose sen grandes modificacións ata a entrada no territorio dunha nova concepción desta actividade rural: a apicultura mobilista. O manexo das abellas vai comezar a transformarse conceptualmente coa chegada, a partir da segunda metade do século XIX, de varios descubrimentos foráneos. As diferentes innovacións científicas aparecidas, como o paso da abella —espazo entre os elementos do interior da colmea que os insectos non encherán con cera ou con própole—, foron a base para a aparición dunha nova maneira de entender a actividade apícola artellada arredor do cadro móbil nas colmeas, o que permitirá deseñar novas tecnoloxías que posibiliten unha maior intervención das persoas apicultoras no interior das colmeas e na actividade das mesmas. 

“Benigno Ledo encádrase nun contexto no que se sinala a necesidade de que as persoas ilustradas, de maneira destacada os relixiosos e os mestres de escola, sexan axentes clave no proceso de difusión da apicultura moderna”, explican Copena e Gómez. Neste senso, no proceso de modernización da apicultura a nivel estatal, ademais de Benigno Ledo, outras persoas ligadas ao ámbito da Igrexa contan cun papel moi relevante. “Certamente, a relación entre os párrocos e as abellas vén de lonxe, contando historicamente os centros relixiosos con colmeas para a produción propia dos produtos apícolas e, fundamentalmente, da cera de abella, un produto que tiña unha grande demanda por parte da Igrexa”, relatan.

O artigo titulado ‘Benigno Ledo, o Cura das Abellas, e a modernización da apicultura en Galicia’ pretende recuperar a figura deste relixioso como introdutor e impulsor da modernización da apicultura en Galicia durante as décadas finais do século XIX e a primeira metade do século XX. A análise das publicacións xeradas polo profesor Ledo no exercicio da súa profesión, xunto ás fontes arquivísticas e documentais do período, permitiu comprender a variedade e o alcance da actividade do eclesiástico lucense no proceso inicial de transformación da industria apícola galega.

The contents of this page were updated on 04.04.2025.